A Consellería de Cultura e o CSIC dixitalizan os fondos do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía
mércores, 25 de xuño do 2025
A Consellería de Cultura e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) de Galicia presentaron este mércores 25 de xuño a dixitalización do fondos do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía (1932-1936) que supón, segundo salientou o conselleiro José López Campos, “dispoñer dunha importante fiestra documental a un dos procesos históricos máis relevantes de Galicia”.
Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o conselleiro puxo en valor a colaboración do seu departamento co CSIC para crear este arquivo virtual, que erixiu como “unha das iniciativas máis significativas” da programación do Ano Castelao (que conmemora o 75 cabodano do pasamento do ilustre rianxeiro). Salientou tamén a importancia de ter procedido á dita dixitalización, debido á implicación activa do escritor de Rianxo neste proceso, “como férreo defensor de que Galicia contase cun Estatuto de Autonomía”.
Cómpre lembrar que o fondo do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia (1932-1936) conservábase, ata o de agora, no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Composto por máis dun milleiro de documentos, abrangue actas de reunións, correspondencias, informes e emendas aos artigos do Anteproxecto, “e que agora están dixitalizados e con acceso libre e de balde, grazas a sempre beneficiosa colaboración entre institucións”, enxalzou López Campos na presentación, na que tamén estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
En concreto, o acceso en liña a todo este fondo é posible a través do SIMURG, o portal de acceso ao patrimonio dixitalizado da Red de Bibliotecas y Archivos, xestionado pola Unidade de Recursos de Información Científica para a Investigación do CSIC, que ademais ten activa unha pasarela que permite a dispoñibilidade e consulta a esta documentación a través de Galiciana. Patrimonio dixital de Galicia, plataforma da Xunta.
Programación do Ano Castelao
A programación do Ano Castelao do Goberno galego verase completada coa inauguración mañá xoves, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, da instalación inmersiva Castelao. Mirar por Galicia, que recupera esta figura histórica de xeito virtual, a través da Intelixencia Artificial.
Así mesmo, sumarase a estas accións de homenaxe a edición, en colaboración coa Fundación Castelao e a Editorial Galaxia, das dúas versións que deixou publicadas da súa emblemática peza teatral Os vellos non deben de namorarse. Deste xeito, será a primeira vez que se realice a publicación simultánea dunha das obras máis populares da dramaturxia galega, estreada en Bos Aires en 1941.
