A Consellería do Mar presenta o portal Lonxas Galegas 4.0
xoves, 23 de outubro do 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, presentou na Cidade da Cultura o novo portal web de comercialización Lonxas Galegas 4.0, unha plataforma que, segundo dixo, reforza a proxección e a dixitalización das rulas galegas.
Villaverde destacou que “esta iniciativa reafirma o compromiso da Xunta coa seguridade alimentaria, a rastrexabilidade dos produtos pesqueiros e a eficiencia na xestión comercial das lonxas”. O novo portal, engadiu, posibilitará “mellorar a visualización da oferta de peixe e marisco galego e optimizar os procesos de compra mediante participación remota”, facilitando o seguimento de cada lote “desde o mar ata o prato” a través dun sistema interconectado entre lonxas, confrarías, distribuidores e mercados.
A conselleira subliñou que o proxecto é o resultado dun traballo iniciado en 2018 en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que permitiu crear unha plataforma tecnolóxica única integrando os sistemas de xestión (Xeslon) e os de poxa e comercialización (Siscom).
Ata o momento, o proxecto desenvolveuse en dúas fases, incorporando progresivamente lonxas, confrarías e asociacións sectoriais, e a previsión é que a finais de ano estean 56 rulas e 70 pósitos integrados no sistema.
O investimento total da Xunta neste sistema acada os 10 millóns de euros, permitindo ata o de agora o procesamento de máis de 7 millóns de notas de venda, cun valor de facturación superior aos 400 millóns de euros e a comercialización de 205 especies diferentes, capturadas por máis de 7.000 unidades de pesca.
