A Coruña, AsoPMR e Google.org facilitarán a identificación e acceso ás prazas de estacionamento PMR

martes, 17 de decembro do 2024 S. P.

Mapear os estacionamentos para persoas con mobilidade reducida é o obxectivo do proxecto piloto Spot4Dis, sustentado en tecnoloxía satelital e IA, Street View e Google Maps asinado a semana pasada pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o tesoureiro da Asociación de Personas con Movilidad Reducida (AsoPMR), Danilo Francesca.
Sinalar que esta proposta se levará a cabo en cinco cidades europeas coa finalidade de facilitar a identificación e acceso ás prazas de estacionamento PMR mediante a tecnoloxía satelital, Street View e IA.
O uso desta tecnoloxía será posíbel grazas ao apoio que dá Google.org a este proxecto, concibido pola AsoPMR coa finalidade de darlle unha información de utilidade ás persoas con mobilidade reducida e mellorar a súa autonomía e calidade de vida. Neste senso, Spot4Dis foi unha das propostas gañadoras do concurso Google Impact Challenge: Tech for Social Good, captando 1,5 millóns de euros en financiamento, así como o apoio técnico de Google.org.
No acto de sinatura que tiña lugar en María Pita, Rey puxo en valor o feito de que A Coruña sexa unha das cinco cidades beneficiadas pola posta en marcha deste proxecto, "que permitirá reforzar a nosa política de melloras da accesibilidade nos espazos públicos". Ademais da Coruña, haberá outras tres urbes españolas (Valencia, Zaragoza e Badajoz) e unha italiana, Génova.
A este respecto, o Concello colaborará coa AsoPMR e Google.org facilitando a súa base de datos das prazas PMR xa habilitadas, así como tamén das previstas a futuro, e a normativa municipal vixente neste eido. Rey apuntou que, a maiores, o Concello levará a cabo campañas de sensibilización e eventos abertos á cidadanía "para concienciar sobre a importancia desta medida e asesorar as persoas susceptíbeis de usar esta nova tecnoloxía, que nos dará un pulo fundamental en clave de accesibilidade urbana".
A rexedora, acompañada hoxe pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, lembrou que, pouco a pouco, a cidade vai avanzando para facer máis visíbeis as prazas PMR. "Estamos traballando para que a bolsa de prazas existente se adapte á realidade actual da nosa cidade, contando cunha dotación adecuada en puntos específicos como as instalacións sanitarias, residencias da terceira idade, centros cívicos e centros de día".
Engadir que no acto de sinatura tamén interveu, por videoconferencia, o director de Relacións Institucionais e Políticas Públicas de Google España, Miguel Escassi, que salientou a necesidade de que "a Intelixencia Artificial sexa unha oportunidade que non só redunde no económico, senón que represente avances sociais e que non deixe ninguén atrás".
Para rematar segundo, Escassi, o directivo de Google, o feito de que A Coruña fose unha das cinco cidades elixidas para o proxecto piloto tivo que ver a próxima apertura da Axencia Española para a Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), identificando a cidade herculina como "un ecosistema emerxente da IA".