A Coruña, a cidade que estaría máis favor do coche autónomo no ámbito estatal

martes, 12 de decembro do 2017 Redacción

A semana pasada publicouse un estudo (a cuarta Radiografía dos Hábitos de Mobilidade dos Españois realizada polo Foro de Mobilidade de Alphabet) que sitúa a cidadanía da Coruña como a máis proclive ao emprego do automóbil autónomo. De feito, case a metade dos coruñeses estarían a favor do emprego e espallamento do coche smart (o 46%, oito puntos por riba da media estatal, que é do 38%) e arredor dun terzo considera que o vehículo eléctrico é “a solución ideal de mobilidade persoal na cidade”, o que representa a cifra máis alta de España, cun 67%. Practicamente a totalidade dos habitantes do concello recoñeceu estar disposto a empregar o vehículo autónomo de contado.
Por outra banda, e como complemento doutras medidas análogas a prol da sustentabilidade e o medio ambiente, máis da metade da poboación da Coruña estaría a favor de restrinxir o acceso ao centro dalgunha maneira. Outras das medidas con maior respaldo serían crear zonas peonís en rúas céntricas (39%) ou aumentar os carrís bici (48%).
O estudo tamén revela datos interesantes sobre o uso de novas tecnoloxías en mobilidade, mostrando a faciana máis positiva (navegadores para tránsitos seguros e sustentábeis, aplicacións que nos axudan atopar destinos e a aparcar) e, tamén, a máis negativa da cuestión (uso de servizos de mensaxes instantáneas durante o desprazamento). Segundo se desprende da investigación, o emprego de móbil ou smartphone ao volante, a nivel estatal, subiu de maneira considerábel respecto de 2016, pasando do 30% ao 42%. No caso dos coruñeses, o 42% recoñece facelo fronte ao 28% que afirmaba ter este hábito o ano pasado. No lado negativo, o 8% recoñece utilizalo sen mans libres, por exemplo para escribir mensaxes instantáneas (WhatsApp) ou consultar e responder correos electrónicos. Por outra banda, o 67% dos condutores da cidade galega utilizan aplicacións móbiles para evitar atoamentos, aforrar combustíbel ou aumentar a súa seguridade).
Pero as aplicacións móbiles tamén son útiles para xestionar a mobilidade, así o confirma o 44% dos coruñeses que os utilizan, máis alto que a media nacional cun 32%. A do autobús é a máis utilizada polos habitantes da cidade galega, cun 86,5%.
Se falamos de compartir coche, un 45% afirma facelo nalgunha ocasión, un dato máis elevado con respecto ao ano pasado, que obtivo un 41%. De feito, as modalidades máis populares son compartir coche entre amigos e familiares, seguido de opcións como BlaBlaCar cun 29%.

PUBLICIDADE