A Coruña acolle a creación dunha rede pioneira que blinda a ciberseguridade da xestión da auga
martes, 18 de novembro do 2025
A primeira Rede de Ciberseguridade na Xestión dos Sistemas de Auga verá a luz na cidade da Coruña. Trátase dunha iniciativa “pioneira” posto que, malia que existen xa entidades constituídas arredor da xestión da auga, “non hai ningunha enfocada na ciberseguridade”, explicou o director xeral da Empresa Pública Municipal de Augas do Concello da Coruña (EMALCSA), Jaime Castiñeira.
A proposta, impulsada pola Cátedra EMALCSA-UDC e o CITIC xunto á Cátedra CYBERH2O e o INCIBE coa Universitat de Girona, arrincará esta mesma semana coa celebración dunha serie de actividades.
O xoves, 20 de novembro celebrarase a constitución do grupo de traballo no que se debaterá a forma e o contido desta rede. Os resultados exporanse o venres, día 21, no CITIC do Campus de Elviña nun programa que incluirá varias conferencias e presentacións a cargo de expertos do sector.
Esta rede aglutinará a diversas entidades a nivel nacional que teñen unha especial preocupación, non só pola xestión da auga, senón pola ciberseguridade aplicada a este recurso. En total, serán 70 investigadores e outros membros de 28 entidades público-privadas de carácter nacional e internacional.
En canto á orixe desta nova rede, o director xeral de EMALCSA explica que “a auga preséntase, na actualidade como un recurso cun proceso de dixitalización avanzado, coas oportunidades e as ameazas que isto supón”. Neste contexto, o obxectivo da rede será “que non se produza unha afección no servizo que afecte á cidadanía por unha cuestión vinculada á ciberseguridade”.
Programa de actividades
O CITIC da UDC acollerá este venres, 21 de novembro, unha programación completa de propostas arredor deste novo organismo. O acto de apertura será ás 10.00 horas coa intervención do director do CITIC, Manuel González Penedo, e do director da Cátedra INCIBE de Dixitalización e Ciberseguridade Hídrica da Universitat de Girona, Ignasi Roríguez-Roda Layret.
A continuación, ás 10.15 horas, levarase a cabo a conferencia A conca Mero-Barcés como modelo de laboratorio natural para o apoio da xestión de abastecemento urbano a cargo de Jorge José Delgado Martín (UDC). Ás 11.00 horas terá lugar a presentación da iniciativa e os promotores para crear a Rede de Ciberseguridade na Xestión dos Sistemas de Auga Urbanos e Industriais.
Ás 12.00 horas, Robert Kooij (da Universidade TU Delft) e Maarten de Kruijf (da organización TNO) impartirán unha conferencia sobre a ciberseguridade aplicada ao sector. Unha temática que se abordará tamén ás 12.45 horas nunha mesa redonda na que intervirán os seguintes expertos: a técnica da Cátedra INCIBE de Dixitalización e Ciberseguridade Hídrica, Laura Arentegui; o responsables en Cybersecurity Expert & AI Research, Eduardo de prado; o catedrático da USC, Juan Garrido; o director de I+D+i de Emalcsa, Ricardo Vázquez; e o membro do CITIC, José Luis Calvo Rolle.
A xornada concluirá coa presentación de Poseidón por parte do fundador CEO en Inprosect, Iago Fortes Caramés, e do director técnico e de Negocio de Tecdesoft, Juan Jesús Pardo Expósito. O programa rematará coa visita á plataforma Medusa.
As persoas interesadas poderán seguir a xornada en streaming. As inscricións están dispoñibles a través dun formulario web publicado nas distintas vías de comunicación de EMALCSA.
