A Coruña acolle este mércores unha xornada de traballo arredor do Plan Director da Industria das TIC

martes, 3 de xuño do 2025 S. P.

Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC

A Consellería de Economía e Industria e o Clúster TIC Galicia celebran este 4 de xuño, na Cidade das TIC da Coruña, un encontro entre empresas do sector tecnolóxico arredor do Plan Director da Industria das TIC. A xornada de traballo, aberta a todas as compañías que queiran realizar as súas achegas ao documento, require inscrición previa.
O obxectivo é coñecer as opinións e inquedanzas do sector respecto deste documento, que está a elaborar a Consellería de Economía e Industria en colaboración co Clúster TIC Galicia. Este instrumento consensuado, sinalan, incluirá “as medidas necesarias para fortalecer o sector, incrementar a súa competitividade, promover a súa internacionalización, impulsar a innovación industrial e estimular a captación de investimento”.
Sector estratéxico
O Consello da Xunta de Galicia declarou estratéxico o sector da industria das TIC, xunto con sectores entre os que se atopan a automoción, a construción naval, o téxtil, ou o alimentario, entre outros; coa finalidade de desenvolver unha estratexia de política industrial dirixida a facilitar o proceso de transformación das industrias galegas e impulsar as oportunidades asociadas á evolución tecnolóxica. En última instancia preténdese fortalecer a actividade industrial de Galicia, incrementar a súa competitividade e xerar emprego de calidade.
Programa
A xornada contará coa presenza de Nicolás Vázquez Iglesias, secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, e con Margarita Ardao Rodríguez, directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, e organizarase ao redor de dúas mesas de traballo.
Primeiro celebraranse as Mesas Transversais, que se dividirán entre Grandes Empresas TIC e Pemes TIC; e posteriormente, desenvolveranse as Mesas Temáticas, nas que os asistentes poderán escoller onde participar segundo a temática estratéxica que mellor se adapte aos seus intereses: Talento, Innovación e Dixitalización, Internacionalización ou Emprendemento.
As contribucións das firmas participantes valoraranse para a súa posterior incorporación ao Plan Director da Industria das TIC, marco de referencia das futuras liñas de desenvolvemento tecnolóxico en Galicia, que marcarán a nova estratexia de financiamento para o crecemento do sector.
No transcurso do encontro, a consultora Zabala ofrecerá o relatorio Marco Europeo: Programa Digital Europe e Ciberseguridade, e a xornada culminará coa celebración da asemblea xeral do Clúster TIC.