A Coruña acolle por primeira vez o Ecommerce Tour

mércores, 7 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Coruña vai acoller os días vindeiros unha parada da xira Ecommerce Tour, impulsada por Ecommerce News co obxectivo de dar conta das principais novidades en materia de comercio electrónico, mostrar as vantaxes da actividade económica dixital e informar das cousas que podemos facer para tirar o máximo proveito (comercial) das redes. O evento celebrarase o vindeiro 22 de novembro, en PALEXCO, en horario de 10 a 14.00 horas. Trátase da primeira vez que a xira fai unha recalada na Coruña. O obxectivo da organización é “converter a cidade galega na capital do ecommerce estatal”.
Para afrontar o reto de transformación dixital ao que se enfrontan as empresas, o evento porá a disposición dos profesionais participantes (calcúlase que arredor de 200) un completo programa de relatorios, mesas redondas e presentacións de casos de éxito “das diferentes empresas e institucións que lideran a transformación dixital e o comercio electrónico”.
Durante o evento debullaranse fitos de mercado como os liderados por Minevera.com, startup que aposta por levar tuppers a domicilio ou oficinas, Electrocosto.com ou Vinopremier, que precisamente vén de abrir unha tenda física na Coruña profundando na súa estratexia omnicanle.
A axenda do evento ten previsto tamén analizar estratexias de optimización loxística para ecommerce a través de DHL Parcel e Correos Express; consellos para optimizar as vendas a través de mercadotecnia smart grazas a Emred; como sacar o máximo proveito ás redes de afiliación; pagos a través de canles de atención ao cliente como Whastapp ou Messenger grazas a Comercia Global Payments, e “moito máis”.
Entre os puntos máis salientábeis do programa de actividades figura a entrega de galardóns do certame Ecommerce Awards A Coruña 2018, que distinguirán á mellor tenda online da nosa terra. A asistencia ao evento é de balde (con rexistro antes do 21 de novembro) e está principalmente dirixida a profesionais, retailers, emprendedores e startups con estratexias dixitais que poderán facer traballo en rede, coñecer casos de éxito e compartir coñecementos con outras empresas do sector.
Segundo a organización da cita coruñesa, esta tamén quere servir para botar unha man no noso proceso transformador. De feito, sinalan dende Ecommerce News, as empresas galegas teñen aínda que superar os principais freos da dixitalización, que para o 20% delas segue sendo o custo da adaptación.

PUBLICIDADE