A Coruña acollerá os días 4 e 5 de febreiro o cumio internacional sobre IA no ámbito militar, REAIM 2026
martes, 20 de xaneiro do 2026
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou este martes 20 de xaneiro, no Pazo da Capitanía, na presentación do III Cumio Internacional sobre o Uso Responsable da Intelixencia Artificial no Ámbito Militar (REAIM 2026), que se desenvolverá os días 4 e 5 de febreiro no PALEXCO da Coruña.
O acto contou tamén coa participación da secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce; do director xeral do Centro de Sistemas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CESTIC), o tenente xeneral José María Millán Martínez; e do primeiro tenente de alcaldesa do Concello da Coruña, José Manuel Lage Tuñas.
Durante a súa intervención, Valentín González Formoso puxo o acento na importancia de abordar o desenvolvemento da intelixencia artificial desde unha perspectiva compartida, responsable e internacional. O presidente provincial afirmou que “a participación internacional, a posta en común dos riscos e tamén dos valores positivos que ten esta ferramenta é importantísima”, e incidiu en que este proceso debe facerse “desde a humildade”, reforzando os mecanismos de supervisión.
Formoso cualificou a realización desta terceira edición do cumio, promovida polo Ministerio de Defensa tras as citas anteriores de Seúl e A Haia, como “un acerto” e mesmo como “unha proeza internacional, dado o momento no que vivimos”. Destacou que durante eses días A Coruña e a provincia acollerán “mandatarios internacionais, altos mandos militares e grandes empresas tecnolóxicas que son corresponsables da evolución desta ferramenta”, subliñando que todo isto é unha realidade “grazas ao labor que fai o Ministerio de Defensa”.
No ámbito económico e industrial, o presidente da Deputación puxo en valor o impacto crecente do sector da defensa na economía provincial, lembrando que “a día de hoxe, o 21% do emprego industrial da provincia depende xa da defensa”. Segundo explicou, trátase dun salto moi significativo que se materializa en grandes contratos no sector naval militar.
Formoso tamén fixo referencia a outros proxectos estratéxicos que se desenvolven no interior da provincia, destacando os contratos coa empresa galega Urovesa. O presidente salientou “o orgullo que sentimos os galegos e galegas por unha firma que é a única de camións que queda 100% nacional” e lembrou que o último contrato acada “321 millóns de euros, ademais da contratación de 100 vehículos de exploración e recoñecemento de última xeración por parte do Ministerio de Defensa”.
A AESIA, futuro tecnolóxico
Así mesmo, Formoso destacou a importancia de que a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) teña a súa sede na cidade da Coruña. Segundo afirmou, trátase dunha iniciativa que representa “a esperanza de futuro de sectores como o audiovisual ou o tecnolóxico en toda Galicia”, destacando “a xenerosidade e a axilidade do Ministerio” nun proxecto “xa concretado e plenamente operativo, que se pode comprobar in situ”, en referencia á Cidade das TIC.
Pola súa banda, a secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce, destacou que España é hoxe a sétima potencia mundial en intelixencia artificial, froito dun investimento anual de 1.500 millóns de euros na aplicación desta tecnoloxía. Valcarce explicou que o III Cumio REAIM 2026 converterá a Coruña nun punto de encontro internacional para debater sobre os retos, riscos e oportunidades da IA no ámbito militar, reunindo 25 delegacións internacionais e a máis de 600 congresistas procedentes de todo o mundo.
