A Coruña acollerá por primeira vez a WordCamp Galicia

xoves, 2 de xullo do 2026 S. P.

A Coruña convértese este ano na sede oficial do sector dixital galego. Por primeira vez, a cidade acollerá a WordCamp Galicia (#WCGalicia), un evento de referencia concibido como un espazo único para a formación, o intercambio de coñecemento técnico e o impulso do ecosistema tecnolóxico na comunidade. A cita incluirá un hackathon solidario, relatorios especializados e unha xornada dedicada a contribuír ao software libre.
O evento, que desenvolverase do día 16 ao 18 de outubro, reunirá a perfís que van dende programadores e deseñadores ata emprendedores e creadores de contido, estruturarase en tres xornadas intensas e complementarias.
Segundo informa a organización, “a celebración deste encontro na Coruña supón un fito para a cidade, consolidándoa como un referente de innovación, emprendemento e talento TIC”. O obxectivo, engaden, vai alén de elevar o nivel técnico dos asistentes a través de diferentes espazos de aprendizaxe e confírmase como un marco axeitado para xerar sinerxías, potenciar o networking entre profesionais e demostrar o impacto positivo da tecnoloxía na sociedade.
Desde a organización destacan que esta edición en A Coruña “marcará un antes e un despois grazas a unha proposta que combina acción solidaria, transferencia de coñecemento e o fortalecemento da comunidade tecnolóxica local”.
As inscricións para o evento xa están abertas e poden tramitarse a través da web oficial. Os detalles sobre o programa oficial e os relatores convidados anunciaranse publicamente nos vindeiros días a través de dita canle e das redes sociais co cancelo #WCGalicia.
O evento conta ademais cunha combinación de colaboradores internacionais e galegos. Entre os seus patrocinadores figuran WordPress.com, Bluehost, WooCommerce e Hostinger, referentes mundiais do ecosistema web. A súa participación, xunto coa dos provedores de hospedaxe web galegos, reflicte a diversidade de entidades que apoian esta edición do encontro.