A Coruña acolleu unha sesión de traballo sobre a futura Axenda Dixital de Galicia 2030

venres, 5 de xullo do 2019 Redacción

Representantes do hipersector TIC, de grandes empresas, asociacións empresariais, centros tecnolóxicos, colexios profesionais, e de grupos de investigación, xunto con responsables de diferentes departamentos da Administración autonómica e da universidade, abordan hoxe na Coruña posibles liñas de actuación da futura Estratexia Dixital de Galicia 2030 (edeg2030) para posicionar a Galicia nas tecnoloxías de vangarda e impulsar o talento dixital.
O cuarto e último dos foros de debate con profesionais da edeg2030 foi inaugurado esta mañá na Facultade de Facultade de Informática pola directora da AMTEGTA, Mar Pereira, e o reitor da Universidade de A Coruña, Julio Abalde.
Nesta xornada farase foco nas oportunidades de aplicar novas tendencias tecnolóxicas en todos os ámbitos da economía; na necesidade de atopar solucións para diminuír fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais avanzadas, e no impulso ao emprendemento tecnolóxico.
Estes Foros de Debate, organizados pola AMTEGA en colaboración cos diferentes departamentos da Xunta e as tres universidades galegas, constitúen o primeiro dos fitos previstos na elaboración da Estratexia Dixital para a vindeira década.
En total, esta semana celebráronse catro sesións de traballo nos campus de Ourense, Santiago, Vigo e A Coruña, que congregaron aos axentes implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación, e de representantes das principais empresas da Comunidade, do hipersector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil.
Trátase dos primeiros encontros previstos neste proceso participativo, no que se contará tamén coas achegas da cidadanía a través do portal da AMTEGA, así como dun comité de expertos que trasladen a súas expectativas, visións e preocupacións en torno a retos definidos previamente coas diferentes consellerías. O obxectivo final é dispoñer dunha folla de ruta para abordar os retos derivados da transformación dixital.

Obradoiros en torno a catro temas

Durante esta semana máis de 500 profesionais de diferentes ámbitos, repartidos en 12 grupos de traballo están a facer as súas achegas para definir as liñas de actuación da futura edg2030 en torno a catro áreas temáticas: Territorio Verde e Conectado, Vida Dixital, Economía Aberta e Especialización Tecnolóxica.
A edg2030 quere contribuír a un desenvolvemento sostible da Comunidade, tanto a nivel económico, como social e medioambiental. Esta nova folla de ruta para a vindeira década enmárcase na políticas europeas para incrementar o despregamento de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación dixital cheguen a todo o mundo.

PUBLICIDADE