A Coruña aposta ao máximo pola accesibilidade na súa nova web educativa

martes, 16 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello da Coruña presentou onte os resultados da renovación da páxina web de Educación, un sitio en liña cuxos detalles xa anunciamos os días pasados incidindo no traballo despregado nela pola empresa Balidea. A presentación veu da man da concelleira Silvia Camén, que salientou o importante ingrediente de accesibilidade que presenta a remodelada páxina web, un elemento, xunto coa vontade de mobilizar á cidadanía no plano formativo, que é por así dicilo a peza clave dos traballos acabados de realizar.
Amais de presentar melloras neste punto, a web tamén destaca por ser máis intuitiva, por mellorar a consulta dende móbiles, por incorporar maior información e por permitir buscas por categorías. Nestes puntos, a edil fixo saber que un dos grandes obxectivos da Concellería de Xustiza Social e Coidados foi brindar á comunidade educativa, ás familias e á veciñanza en xeral “un espazo onde seguir a actualidade do departamento, consultar o estado dos diferentes procesos e programas que ten en marcha a concellería ou acceder a ferramentas ou sistemas de participación na comunidade, entre outros servizos”.
A páxina web, que se pode atopar xa no enderezo www.coruna.gal/educacion, está agora integrada no portal do Concello da Coruña, do que tomou o seu deseño base para que “sexa máis familiar e semellante á web doutros servizos municipais”, o que redunda, en palabras de Silvia Cameán “nunha navegación máis intuitiva e visual”, e nunha serie de conexións informativas con outras áreas municipais que poden ser de interese para a comunidade.

PUBLICIDADE