A Coruña aproba a organización do cume sobre IA no ámbito militar: REAIM

luns, 26 de xaneiro do 2026 S. P.

A Xunta de Goberno Local da Coruña aprobou o expediente de contratación para a organización do III Cume REAIM (Responsible Artificial Intelligence in the Military Domain), que, segundo fixo saber o equipo do Concello, “converterá A Coruña en sede do principal foro internacional sobre o uso da intelixencia artificial no ámbito militar”.
O evento celebrarase os días 4 e 5 de febreiro de 2026 e reunirá na cidade a delegacións institucionais de máis de 40 países, organismos multilaterais, representantes do sector tecnolóxico e institucións académicas.
A celebración do cume será impulsada polo Concello da Coruña, mais o financiamento será asumido na súa totalidade polo Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, en virtude dun convenio de colaboración asinado entre ambas administracións cunha achega estatal de 2 millóns de euros. O orzamento base de licitación ascende a 1.413.805 euros.
Dende o Concello explican que a elección da Coruña como sede responde ao “seu papel destacado no ámbito da gobernanza tecnolóxica, ao albergar a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA)”.
O evento desenvolverase no centro de congresos PALEXCO, único espazo da cidade que garante as condicións técnicas, operativas e de seguridade necesarias para un encontro de alto nivel institucional e carácter reservado.
A celebración deste foro internacional suporá “un impulso á proxección exterior da cidade e xerará un impacto económico directo nos sectores hostaleiro, hoteleiro e comercial”, explicaron fontes do Concello, engadindo que estamos “ante unha oportunidade estratéxica para A Coruña, que reforza o seu posicionamento como referente en gobernanza tecnolóxica, nun marco de colaboración institucional e sen repercusión económica para os recursos municipais”.