A Coruña avanza na convivencia coas mascotas cunha nova aplicación

mércores, 5 de decembro do 2018 Redacción

O Concello da Coruña estrea hoxe unha nova aplicación web optimizada para dispositivos móbiles ligada ao benestar animal e convivencia no termo municipal. Cidade amigable cos animais nace dunha das propostas veciñais gañadoras do programa de Orzamentos Participativos da edición de 2016, e supón a implantación dun novo espazo de consulta dixital que dá a coñecer as posibilidades que ofrece o municipio, tanto a nivel de instalacións públicas como de iniciativas privadas, para as mascotas; ademais de recursos de utilidade para as súas donas e donos, como información sobre trámites administrativos a realizar, servizos dispoñibles ou consellos. Tal e como explicou a titular de Medio Ambiente, María García, esta aplicación «sitúase na liña das políticas públicas impulsadas polo goberno municipal de apostar pola innovación, neste caso tecnolóxica, para avanzar no benestar animal, na tenza responsable e na convivencia pacífica».
Cidade amigable cos animais recolle os servizos que se ofrecen a nivel municipal, como as novas áreas de esparexemento canino, o programa de colonias felinas ou a centralización do sistema de adopción a través do Centro Municipal de Acollida, pero tamén dá a coñecer recursos privados destinados ao coidado de animais, como asociacións protectoras, clínicas veterinarias ou entidades de defensa da fauna salvaxe. Outra das novidades desta proposta é que conta cun mapa de establecementos de lecer ou con servizos á veciñanza que que admiten a entrada de mascotas, como cafeterías ou hoteis, que actualizarase como mínimo un par de veces ao ano.
María García estivo acompañada na presentación pola responsable de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, e do veciño impulsor da idea, Rubén Pérez, representante da entidade animalista Libera, quen sinalou que a intención de Libera á hora de realizar a proposta foi, fundamentalmente, «achegar a cidadanía espazos amigables cos animais» ao que engadiu que «esta aplicación dá un novo paso na implicación da veciñanza coa tenza responsable, ademais de ofrecer a posibilidade de situar á cidade como un destino para as persoas que entenden e respectan aos animais de xeito integral».

PUBLICIDADE