A Coruña culmina a implantación da aplicación móbil Comercio Seguro nas rúas Ramón Cabanillas e Ángel Senra

venres, 21 de novembro do 2025 S. P.

O Concello da Coruña vén de completar a implantación da ferramenta móbil Comercio Seguro nas rúas Ramón Cabanillas e Ángel Senra, no barrio dos Mallos. A iniciativa, que permite unha comunicación directa e en tempo real entre os establecementos comerciais e a Policía Local mediante unha aplicación para móbiles, continúa a súa expansión e, segundo informou o Concello, “terá como seguinte destino a rúa Real, un dos principais eixes comerciais da cidade”.
No marco desta nova fase, a concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montse Paz, visitou esta semana algúns dos comercios adheridos para coñecer de primeira man a valoración do sector sobre esta ferramenta pioneira.
Durante a visita, a concelleira estivo acompañada por comerciantes da zona, como Alba Balsa, presidenta do Centro Comercial Aberto Distrito Mallos, que destacou "a tranquilidade que dá saber que hai unha conexión directa coa Policía Local e que hai unha preocupación real polo pequeno comercio". Pola súa banda, Elisa Gerpe, propietaria dunha florería, sinalou que "é unha aplicación moi fácil de usar que dá seguridade e permite comunicarse con rapidez cos axentes".
Nas dúas rúas recentemente incorporadas, sumáronse 42 locais. Son a maioría dos rexistrados en dúas vías nas que a suma total dos comercios é de 47.
A aplicación Comercio Seguro foi impulsada polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de “reforzar a seguridade preventiva nos establecementos, ofrecendo unha vía de comunicación áxil co 092 e permitindo a activación rápida dos recursos policiais en caso de ser necesario”.
Desde o inicio do programa, rexistráronse só dúas incidencias, ambas resoltas con éxito.
A iniciativa comezou como proxecto piloto nas rúas Barcelona e Alcalde Marchesi, estendéndose posteriormente á prolongación da rúa Barcelona, á rúa da Gaiteira e as súas transversais, e agora ao barrio dos Mallos, sumando un total de 132 locais adheridos en toda a cidade.
O Concello ten como obxectivo que esta ferramenta chegue tamén á rúa Sagrada Familia dando continuidade á cobertura na Rolda Peonil, unha arteria impulsada por Inés Rey desde o anterior mandato e que agora incorpora tamén un modelo de seguridade cidadá baseado na tecnoloxía, na prevención e na proximidade cos barrios.