A Coruña entrega a XXXVII edición dos seus Premios Prismas
luns, 18 de novembro do 2024
O Concello da Coruña entregou o pasado sábado os galardóns da XXXVII edición dos Premios Prismas, organizados polo Concello da Coruña a través dos Museos Científicos. O xurado premiou cun Prisma de Bronce os mellores traballos en oito categorías: Vídeo, Novo medio, Libro editado, Artigo xornalístico, Radio, Proxecto singular, Proxecto de sensiblización e divulgación sobre os océanos e Prisma Especial do xurado. Ademais, todas as modalidades, excepto a de Libro editado e a de Prisma Especial do xurado, recibiron un premio de 4.000 euros.
Segundo fixo saber a alcaldesa Inés Rey, este galardóns “son un referente para a comunicación e divulgación científica en España”, a través dos cales reivindícase A Coruña e o traballo da rede de Museos Científicos como "buque insignia da divulgación e verdadeira contra-armada científica" para as novas xeracións. Lembrou que ao longo da súa traxectoria, que comezou sendo un certame para vídeos científicos, foi incorporando e actualizando as modalidades do premio.
Nesta convocatoria, con motivo do 25 aniversario do Aquarium Finisterrae e considerando “un dos temas ambientais que máis preocupan”, incluíuse por primeira vez a modalidade de Proxecto de sensibilización e divulgación sobre os océanos.
A rexedora trasladou os parabéns ás persoas premiadas e destacou o “alto nivel” das propostas, agradecendo nese sentido o traballo ao xurado. Este estaba presidido por José María Montero e composto por persoas expertas como Almudena Martín Castro, Laura Rodríguez García e María Cristina Naya Riveiro, e o director técnico da Casa das Ciencias, Marcos Pérez Maldonado.
Galardoados cos Prismas de Bronce 2024
– Mellor traballo en vídeo: Cáncer, el legado de la evolución, capítulo do programa Quèqui, con realización e produción de Ramón Balagué Altadill para Minifilms e TV3. O vídeo describe como o cancro desencadéase cando células defectuosas empezan a funcionar de maneira individualista, unha transformación, herdada da evolución unicelular, que data de miles de millóns de anos atrás.
– Mellor traballo en novos medios: Science Media Center España, un proxecto de FECYT, coordinado por Pampa García e Laura Chaparro, e a colaboración de Jesús Méndez, Sergio Ferrer e Tania Rabesandratana. O Science Media Center é unha oficina independente que ofrece aos medios recursos, contidos fiábel e fontes expertas para cubrir a actualidade relacionada coa ciencia.
– Mellor proxecto de sensibilización e divulgación sobre os océanos: Del Ártico al Cantábrico, dos Servizos Informativos de EITB Media. Un traballo que presenta imaxes de vídeo que mostran como afecta no Cantábrico o que ocorre no Ártico.
– Mellor artigo xornalístico: Desigualdad en la ’’prueba del talón’’: milagro o pesadilla según el código postal, de Antonio Martínez Ron, publicado en ElDiario.es. O autor aborda a diferenza entre comunidades no número de enfermidades detectadas no cribado neonatal, un desequilibrio con gran impacto social, e reivindica políticas públicas baseadas en evidencias científicas.
– Mellor traballo en radio: Tu cerebro es oro, ¿qué harás con él cuando mueras?, un podcast de Belén Remacha Ciutad para El País. Nesta peza relátase como en España faise ciencia punteira no estudo das neuronas, entrevistando a unha destacada investigadora, María Llorens. A materia prima que necesita para investigar escasea, especialmente as doazóns de persoas consideradas neuroloxicamente sas, o que tecnicamente se chama "cerebros control". Son necesarios para, por exemplo, comparar que ocorre nun cerebro que desenvolve alzhéimer cun no que non.
–:Mellor proxecto singular: Vagón de la ciencia, da Universitat Autònoma de Barcelona. Trátase dun proxecto que emprega un vagón de tren, que forma parte da liña Barcelona-Vallès, no que se exploran múltiples formatos, como podcasts, ilustracións, audioguías ou o chamado Asento do experto, no que un investigador interactúa cos viaxeiros.
– Mellor libro editado: Neuronas para la emoción, editado por Shackleton Books, orixinal de Xurxo Mariño. Trátase dunha ollada rigorosa e humanista sobre as emocións dende a perspectiva da neurociencia, na que se convida a descubrir cales son e por que temos esas emocións a partir de infinidade de experimentos e casos clínicos.
– O premio Prisma Especial do Xurado foi entregado a Gema Revuelta e Vladimir de Semir polo seu labor formativo ao longo de 30 anos no Master de Comunicación Científica, Médica y Ambiental da UPF Barcelona School of Management.
Outorgáronse ademais tres mencións honoríficas: en Proxecto de sensibilización e divulgación sobre os océanos, a Triloxía Microalgas, de Xulia Pisón Egea; en Artigo xornalístico, a El año en que no se consiguió frenar la minería submarina, de Tania Alonso Cascallana para Carrodecombate.com e en traballo en Radio, a Océanos de calor, de Mabel Montes Rama e Ramiro Santos Díaz para Atmosféricos de Radio Galega.