A Coruña habilita coa Cousateca un espazo dixital para intercambiar bens

venres, 29 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

A relación entre A Coruña e as ferramentas con licenzas abertas está tendo esta tempada especial actividade. Se hoxe mesmo falamos do Hackatiño de datos abertos que se celebra en outubro para pór un gran de area no importante tema da mobilidade sustentábel, agora é a quenda da posta en marcha dunha plataforma directamente encamiñada a permitir que a cidadanía promova anuncios e ofertas de cousas para empresta ou agasallar. Este é un dos obxectivos da Cousateca, impulsada polo Programa Co-Lab da Concellería de Participación e Innovación Democrática.
Trátase, en palabras da devandita Concellería, “dunha plataforma para intercambio de cousas, que pretende afondar nas posibilidades e potencialidades da compartividade”. Para achegar máis detalles sobre este novo acubillo dixital, celebrouse onte unha primeira xornada de contacto (no centro cívico Accede Papagaio) entre responsábeis do proxecto e a cidadanía, reservándose un tempo da xuntanza para o intercambio de puntos de vista e propostas sobre o proxecto Cousateca.
Logo desta xeira de traballo celebraranse outros encontros para favorecer que a plataforma colla corpo definitivo. A iniciativa estará dispoñíbel en modo beta (aínda que admitirá xa a posibilidade de subir e solicitar cousas) desde o 1 de outubro. “A partir desa data”, sinala o Concello da Coruña, “haberá máis encontros co obxectivo de explicar e dinamizar que é e para que serve a plataforma”.

PUBLICIDADE