A Coruña habilita na Rede unha gran xanela ao seu talento creativo: Respiracultural.gal

xoves, 24 de setembro do 2020 Fernando Sarasketa

A alcaldesa da Coruña Inés Rey presentou onte unha iniciativa dixital pioneira no concello que converterá a cidade nun fervedoiro cultural de actividades (música, teatro, danza, circo, bailes tradicionais, etc) para todas as idades e tendencias e co nexo común de garantir ao máximo a seguridade sanitaria. Estamos a falar do programa Respira Cultura, que vén con web propia, respiracultura.gal, dende onde converternos en espectadores e, tamén, alentadores da creatividade local en temos tan adversos como estes que estamos a vivir. O programa vén cun orzamento de 100.000 euros. Poderase desfrutar até o 12 de outubro.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, xunto co director do Coliséum, Javier Rodríguez, o artista César de Centi e representantes da coral polifónica Follas Novas, da agrupación cultural Son D’’Aquí, de Artestudio e de Katarsis Teatro, presentaron o proxecto no pazo municipal, concibido en palabras da rexedora “como unha nova xanela á emoción, á ilusión, ás artes vivas e á música ao vivo, cunha programación dixital de actividades culturais aberta, accesíbel, apta para todos os públicos e que nos quere convidar, de novo, a sentir e respirar a cultura ao vivo”.
A alcaldesa tamén fixo saber que a cerna do proxecto son as gravacións realizadas durante máis de dúas semanas en diferentes emprazamentos da cidade, unhas sesións que converteron o Fórum Metropolitano, o Centro Ágora e o Pazo da Ópera en estudos de televisión onde se rexistraron até 47 proxectos (20 de entidades de arraigo e 27 da convocatoria de dinamización cultural) e 54 actuacións. Todas elas poderanse desfrutar en directo até o 4 de outubro, con 4 ou 5 estreas diarias e 27 espectáculos semanais, que terán vixencia na devandita plataforma dixital até o 12 de outubro.

PUBLICIDADE