A Coruña intégrase na rede mundial de Impact Hubs, formado por 110 centros de innovación

luns, 11 de decembro do 2023 S. P.

O número 8 da rampla do Matadoiro, na Coruña, acolle este martes a xornada 12 de decembro a presentación do proxecto Impact Hub A Coruña, integrada na rede internacional (Impact Hub) especializada en impulsar a acelerar “o impacto positivo” mediante fórmulas empresariais innovadoras, intelixentes, sustentábeis e socialmente comprometidas. Con esta iniciativa local, A Coruña confírmase como a sexta cidade do ámbito estatal que logra instaurar un proxecto Impact Hub no seu seo. A rede está composta por 110 hubs con presenza en 65 países.
Participarán no acto Margarita Ardao Rodriguez, directora xeral de Emprendemento da Xunta de Galicia, Yoya Neira Fernández, concelleira de Benestar Social, Manuel Rego Vecino, director executivo e Down Coruña e socio director de WiT Talento, Óscar Vales, Fundador de Vazva, Wasted Shoes & WE Sustainability, Judit Cabana e Carlos Álvarez, dous dos cinco fundadores Impact Hub A Coruña, e Alberto Alonso, responsábel da rede Impact Hub Iberia. Tamén estará presente Carmen González, moderadora da mesa redonda.
Segundo adianta o equipo fundador do proxecto coruñés, Impact Hub chega á cidade herculina coa “misión de axudar a persoas emprendedoras, institucións e empresas a acelerar o cambio económico, social e ambiental cara unha economía de impacto e rexenerativa”. O equipo tamén salienta o potencial da nosa terra para este tipo de iniciativas: “Galicia conta cun forte potencial de impacto positivo polas súas grandes empresas tractoras, o seu sólido ecosistema de emprendemento, os seus recursos naturais e a súa su consolidación como polo tecnolóxico a nivel estatal”.
Impact Hub A Coruña pretende deste xeito poñer a Galicia neste mapa e marcar unha diferenza real “axudando a acelerar a transformación da economía nunha que afronte e resolva os desafíos sociais e ambientais do presente”.
O proxecto está impulsado por cinco persoas vinculadas ao impacto desde diferentes ámbitos: Carmen Touza (directora da Fundación ENKI, especializada en impacto social e inclusión), María JesúsTrasancos (vicepresidenta de FundacióN ENKI), Javier López (empresario coruñés, investidor e impulsor de diversas fundacións vencelladas ao emprendemento e inserción social), Carlos Álvarez (emprendedor especializado en publicidade, comunicación e aceleración de transformación de marcas), e Judit Cabana (emprendedora especializada en estratexia de negocio e mercadotecnia).
Impact Hub A Coruña contará nos próximos meses tamén cunha sede física destinada a integrar proxectos de impacto e conectalos coa cidade.