A Coruña mobiliza á xente nova para reivindicar o patrimonio a través de TikTok

luns, 18 de xaneiro do 2021 Redacción

O Concello da Coruña lanzou unha campaña ao abeiro da rede social TikTok para pór en valor os tesouros artísticos, históricos e culturais da cidade, poñendo o foco na xente nova. Trátase, máis en concreto, dunha iniciativa de sensibilización que reivindica o patrimonio común da Coruña (tanto o mobiliario urbano e os monumentos históricos coma os baños públicos).
A idea é “reflectir a importancia de que estas instalacións dean cobertura á veciñanza e, por outra, promover na audiencia máis nova valores de convivencia e tolerancia”.
Deste xeito, creouse un vídeo en TikTok na conta @stopvandalismocoruna cun baile con coreografía da influencer galega Melissa López, a través do cal as súas seareiras e seareiros poderán repetir os pasos en formato dúo nun baño e participaren até o 25 no sorteo dun patinete eléctrico con casco incluído.
Para a poboación non tan moza, o Concello explicou que a campaña está tamén no Obelisco en formato exposición para lle recordar á cidadanía o conxunto patrimonial do que gozamos na Coruña a través das historias de tres veciñas/os.

PUBLICIDADE