A Coruña oferta 1.000 horas de formación en competencias dixitais nas Bibliotecas Municipais

venres, 26 de xaneiro do 2024 S. P.

O Concello da Coruña pon en marcha unha nova edición do programa de formación en competencias dixitais a través da rede de Bibliotecas Municipais, co obxectivo de “dar recursos a persoas cun baixo grao de coñecemento na materia”. As actividades formativas encádranse no programa do Goberno de Inés Rey para avanzar na redución da chamada fenda dixital. Trátanse dun total de 60 cursos impartidos ao longo de todo o ano nas bibliotecas do Centro Sociocultural Ágora, Durán Loriga, Fórum Metropolitano, Monte Alto, Os Rosales e Sagrada Familia.
En total, a través dos cursos ofértanse case 1.000 horas de formación en diferentes eidos da tecnoloxía cotiá. Por exemplo como configurar un teléfono móbil, como facer trámites en liña e certificados dixitais, como manexar e tirar proveito das redes sociais ou como xestionar o noso correo persoal.
O Concello explica que “ademais dunha vertente práctica, este programa en competencias dixitais contén unha perspectiva educativa nas TIC para o bo uso e relación co mundo dixital, achegando consellos e recomendacións para combater a desinformación”. Nesa liña, dende o Consistorio lembran que dispoñen dun servizo gratuíto de atención tecnolóxica para axudar a persoas usuarias que teñan algún problema no uso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). As consultas poden realizarse de xeito presencial na rede de Bibliotecas Municipais ou en liña, a través da web municipal, coruna.gal.
A formación en competencias dixitais comezou este luns 22 de xaneiro con dous cursos: O móbil desde cero, no Fórum Metropolitano, e o Ordenador desde cero, na Biblioteca da Sagrada Familia. As inscricións, así como a información sobre os próximos cursos, pode realizarse na web das Bibliotecas Municipais ou de xeito presencial nas mesmas.

PUBLICIDADE