A Coruña oferta máis de 800 prazas para formación gratuíta en liña en nova mercadotecnia

mércores, 22 de xuño do 2022 S. P.

O Concello da Coruña, a través da Concellería de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, ofrece un novo catálogo de accións formativas en liña para ampliar as habilidades no mundo laboral. O prazo de inscrición será do 20 de xuño ao 4 de xullo, día que darán comezo os cursos; a matrícula pode realizarse dende a web municipal de Emprego. A convocatoria incluirá máis de 800 inscricións en materias relacionadas co comercio innovador e a nova mercadotecnia: comercio electrónico e venda en liña, teletraballo, call centers, comunity managers, satisfacción ao cliente ou calidade e resolución de queixas.
“Todas as accións formativas están dirixidas a competencias moi demandadas na dixitalización que está a experimentar o mercado actual”, explica o Concello, engadindo que estes cursos serán cen por cen en liña, dispoñíbeis e accesíbeis na modalidade 24/7, é dicir, durante as 24 horas do día, calquera día da semana. Terán preferencia na matrícula as persoas maiores de 16 anos que estean empadroadas no concello da Coruña e serán de balde para residentes no municipio.
Anterior convocatoria de formación en liña
O pasado mes de marzo, o Concello da Coruña abriu unha convocatoria de formación en liña, con 13 cursos programados de idiomas en diferentes linguas e niveis (inglés, alemán e francés), así como 10 da rama de administración de empresas con especializacións en seguridade informática, sinatura dixital, rexistros electrónicos, trámites en liña, interpretación da linguaxe corporal, comunicación persuasiva, control emocional ou habilidades directivas.
Na convocatoria de marzo ofertáronse un total de 700 prazas, das que se solicitaron 596 matrículas, 336 en idiomas e 260 en administración de empresas.
Continúan os cursos de Coruña Suma
Ademais da formación en liña, o Concello da Coruña ten en marcha o proxecto Coruña Suma, unha iniciativa co-financiada polo Fondo Social Europeo que pretende mellorar a inserción laboral de persoas en desemprego. Ata o mes de setembro, no marco de Coruña Suma está previsto o inicio de outros 6 cursos de formación para persoas desempregadas:
7 de xullo. Rexistros contábeis.
14 de xullo. Técnicas administrativas básicas de oficina.
26 de xullo. Alteracións dexenerativas, demencias e alzhéimer.
7 de setembro. Programación orientada a obxectos con JAVA.
1 de setembro. Técnicas de recepción e comunicación.
15 de setembro. Xestión comercial de clientes con novas tecnoloxías.
Coruña Suma forma parte da batería de medidas postas en marcha polo goberno de Inés Rey durante o actual mandato para o fomento do emprego. A información pode consultarse na web de Coruña Suma.

PUBLICIDADE