A Coruña pon en valor os seus tesouros ambientais con dúas guías dixitais

mércores, 27 de novembro do 2024 S. P.

O Concello da Coruña elaborou e publicou dúas guías dixitais para divulgar e poñer en valor a riqueza ambiental do litoral da cidade e “sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da súa protección”. O Goberno local informou que a iniciativa vai na liña doutras actuacións en marcha como a creación do miradoiro e a recuperación do estanque no Monte de San Pedro, con sinalética e paneis informativos sobre a contorna natural.
As guías, feitas coa colaboración de expertos en divulgación ambiental, estarán a disposición dos usuarios a través de códigos QR colocados nos carteis de sinalización de puntos de interese da costa da cidade e tamén se pode acceder a eles directamente na web municipal.
"É obriga da Administración local non só protexer a contorna natural da nosa cidade e a súa biodiversidade senón tamén sensibilizar á cidadanía sobre a importancia dese respecto e ese coidado", sinalou a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, explicando que ao abeiro deste proxecto elaboráronse dúas guías: unha para adultos e outra dirixida ao público infantil. Os contidos organízanse ao redor das catro estaciones do ano. Deste xeito, nun paseo polo litoral poderase obter información sobre as especies de fauna e flora que se poden observar nese momento do ano. Tamén pode accederse á guía completa.
Tanto as guías destinadas a un público xeral como as guías específicas de público infantil publicáronse en catro idiomas: castelán, galego, inglés e portugués. Ademais, as guías tamén estarán dispoñíbeis en formato audioguía nos catro idiomas.
As redacción das guías financiouse con cargo aos fondos europeos Next Generation dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e no marco dun proxecto máis amplo de embelecemento do litoral urbano que incluíu a rehabilitación do Miradoiro de San Amaro e actuacións no Monte de San Pedro.