A Coruña prepara un evento para alentar o emprendemento TIC

xoves, 13 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Quen queira traballar en novas tecnoloxías e intercambiar coñecemento innovador e emprendedor vai poder facelo na Coruña. Así nolo fixo saber esta semana o alcalde Xulio Ferreiro, durante a sinatura dun acordo de colaboración coa Asociación Galega de Innovadores en TIC do que abrollarán, en datas vindeiras, actividades para impulsar a creación de iniciativas de mercado no sector. Por exemplo un encontro específico de emprendedores e de expertos en emprendemento. O seu obxectivo será “facilitar espazos de traballo e intercambio no sector”. Na formalización do acordo tamén participou Frankie Gómez, da dita asociación.
O convenio supón unha achega de 5.000 euros por parte do Concello. Este acordo forma parte da estratexia de impulso da Concellería de Emprego e Economía Social ao desenvolvemento de proxectos no ámbito das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) e da aposta municipal polo estímulo da actividade empresarial na cidade.
O edil Alberto Lema salientou no acto de sinatura que o Goberno local busca, por medio das súas políticas no ámbito laboral e empresarial, “xerar emprego en sectores que resulten estratéxicos para A Coruña e o seu medre, como é o da innovación”. Asemade, lembrou outras actuacións neste ámbito como a sinatura, a pasada semana, coa Universidade da Coruña dun convenio para analizar as potencialidades da área metropolitana no eido da innovación e a definición dunha proposta para definir a súa estratexia de futuro ao respecto.
O evento obxecto do convenio, que se celebrará este ano, reunirá a empresas e persoas emprendedoras para compartir a súa experiencia en mesas de debate, charlas maxistrais e encontros co público. “Trátase de facilitar espazos de intercambio para fomentar tanto o aproveitamento do coñecemento como o traballo en conxunto de empresas”, indicou Lema.

PUBLICIDADE