A Coruña proba o sistema de alertas por emerxencia Es-Alert
martes, 15 de outubro do 2024
A Coruña acolleu unha proba do sistema tecnolóxico Es-Alert, empregado esta mañá pola Axencia Galega de Emerxencias durante o simulacro de accidente na refinaría de Repsol.
Na cita participou o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva. Tamén estivo presente a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, quen subliñou o valor do novo sistema de alertas á poboación ante emerxencias (Es-Alert) que o Ministerio do Interior probou en Galicia por primeira vez no concello de Maceda, e que actualmente se está a testar en distintos lugares de España.
Este sistema foi despregado no 2022, froito dun acordo entre os Ministerios do Interior e de Transformación Dixital, e forma parte da Rede Nacional de Protección Civil. O Goberno púxoo a disposición dos centros de coordinación de emerxencias das Comunidades Autónomas, como a AXEGA no caso de Galicia, no marco do Sistema Nacional de Protección Civil. Estes centros, xunto co Centro Nacional de Seguimento e Coordinación de Emerxencias do Ministerio do Interior, son os responsábeis, dentro da súa área de competencia, de definir e emitir as alertas cando a situación o requira.
María Rivas destacou a importancia desta tecnoloxía “que hoxe permitiu enviar unha mensaxe de texto simultánea a cerca de 300.000 teléfonos móbiles”, e que se suma ás ferramentas coas que xa conta o Sistema Nacional de Protección Civil.
A subdelegada subliñou que estes exercicios son “imprescindíbeis para as autoridades, para poder mellorar a actuación diante unha emerxencia ou desastre, e tamén para probar o funcionamento de novas ferramentas como o Es-Alert”.
Tamén informou de que a Subdelegación participou nas reunións preparatorias e no desenvolvemento do exercicio, formando parte da dirección da emerxencia, e achega medios humanos para a execución a través dos Corpos e Seguridade do Estado.
En canto aos efectivos de seguridade, a subdelegada indicou que son 38 os efectivos de Policía Nacional e de Garda Civil que forman parte do simulacro. Detallou que por parte de Policía Nacional son 32 persoas, xa que participan 4 indicativos da Unidade de Intervención Policial (UIP) e 1 indicativo de radio patrulla. Pola súa banda, participan a Garda Civil de Tráfico e a Unidade de Seguridade Cidadá, achegando un total de 6 persoas.
Alertas nos móbiles
As alarmas nos móbiles da cidadanía do concello da Coruña e dos municipios lindeiros comezaron a soar sobre as 10.40 horas (con repetición uns minutos despois por continuidade da emerxencia). Foi a parte final do simulacro organizado pola Xunta para comprobar o plan de emerxencia en caso de catástrofe. Contou con preto dun centenar de efectivos na planta de Repsol da Coruña.
A alarma viña motivada por un suposto incendio nun camión que carrexaba propano.