A Coruña será un laboratorio pioneiro grazas á alianza entre o Concello e NTT DATA

venres, 21 de marzo do 2025 S. P.

O Concello da Coruña e a firma tech NTT DATA están a “traballar nunha alianza estratéxica” para transformar a cidade nun espazo pioneiro de experimentación tecnolóxica. O obxectivo do proxecto conxunto entre a Administración coruñesa e a multinacional de orixe española (antes coñecida como Everis) é “impulsar a innovación en sectores clave como as telecomunicacións, os servizos de satélite e a Intelixencia Artificial, aproveitando tanto o talento local como as infraestruturas xa existentes”.
Este proxecto enmárcase na liña de acción estratéxica que o Goberno local desenvolve para conectar A Coruña co ecosistema tecnolóxico global. O obxectivo é “converter a cidade nun referente na implantación de solucións dixitais avanzadas, abrindo novas oportunidades de desenvolvemento económico e captación de talento especializado”, informaron fontes do Concello.
A alcaldesa Inés Rey, acompañada polo voceiro municipal e concelleiro de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage Tuñas, reuniuse hoxe en María Pita cos principais responsables de NTT DATA implicados no proxecto: Miyuki Ide, responsábel de transformación de NTT DATA Europe & Latam; Alberto Borrego, director de NTT DATA en Galicia e Asturias; Pablo Manzano, director de Sector Público en Galicia e Asturias; e Eduardo Martínez, xerente de Sector Público. No encontro avaliáronse as primeiras liñas de actuación conxunta e as oportunidades de desenvolvemento que se abrirán para a cidade no ámbito tecnolóxico.
As tecnoloxías que se desenvolvan en A Coruña poderán ter unha proxección internacional, e “reforzarase así a posición da cidade no ámbito da transformación dixital, situándoa como un espazo de referencia para proxectos innovadores”, informou o equipo de Goberno local.