A Coruña xa conta con grupos de traballo arredor das narrativas populares e o vídeo-mapping

luns, 21 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Un intre da sesión sobre narrativas populares

A semana que vimos de deixar atrás celebráronse dúas novas sesións (a segunda e a terceira) da nova edición do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC) do Concello da Coruña, logo do encontro (o primeiro) Que hai en Internet?, desenvolvido en decembro. As citas das que estamos a falar celebráronse o 18 de xaneiro, baixo o epígrafe epígrafe De que falamos cando falamos de narrativas populares contemporáneas?, e máis o 19, centrándose na cuestión do vídeo-mapping. A primeira xeira serviu para que crease o Grupo de Narrativas Populares Contemporáneas (NPC). Na segunda déuselle forma ao Grupo de Vídeo-Mapping.
A cita do 18 centrouse na súa primeira parte en contextualizar o significado das narrativas populares actuais e en amosar non só a súa faciana máis divertida e popular, senón os seus usos a nivel de comunicación, mesmo no ámbito político, e as dinámicas sociais xeradas en torno a elas.
María Yáñez, que é quen coordina o equipo de traballo, fixo un completo percorrido polas novas linguaxes e dinámicas “das que todas e todos, dun modo ou outro, formamos parte”, dixo. Novas linguaxes e dinámicas como memes, viralidade, GIFs, fíos de Twitter, desafíos colectivos, chat stories, conversas no Whatsapp, etc.
As vindeiras sesións deste grupo celebraranse os venres 1 e 15 de febreiro e 1 e 15 de marzo, no Centro Ágora e en horario de 17h a 20h. A próxima, por exemplo, estará adicada aos novos xéneros audiovisuais da Rede, e a do 15 de febreiro, que tratará sobre a videocreación e a animación na Rede, contará coa participación dos creadores dixitais Christian Flores e Anabel Lorente. Segundo explicaron as responsábeis do colectivo, este non está pechado, senón que fica aberto á participación de toda aquela persoa que, malia que non participase nas primeiras sesións, queira traballar e intercambiar coñecemento arredor das narrativas populares.
Polo que atinxe ao segundo dos grupos desta edición do #LAIC, o de vídeo-mapping, está coordinado por Pablo Ferrer. Na cita do 19, Ferrer fixo no Centro Ágora un completo percorrido pola historia da devandita práctica tecnolóxico-creativa, “unha técnica que comezou a desenvolverse hai décadas coas ferramentas tecnolóxicas de cada momento e unha importante dose de imaxinación e innovación, até chegar ao momento actual”, sinalou. Na xeira de traballo houbo marxe para mostrar traballos de diferentes perfís feitos con esta técnica: desde grandes espectáculos en exteriores até propostas en interiores, de gran formato e en contextos máis pequenos como o escaparatismo, ou propostas como o micro-mapping.
O obxectivo do Grupo de Vídeo-Mapping do #LAIC é coñecer as técnicas esenciais da disciplina, manexando o programa MadMapper 3 e experimentando en proxectos por equipos as súas posibilidades. As sesións deste colectivo de traballo serán os sábados 2 e 23 de febreiro e 16 de marzo, en horario intensivo de mañá e tarde (10h-14h/16h-20h), no Centro Ágora.

PUBLICIDADE