A DGT regulará os patinetes eléctricos

mércores, 17 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Fabricantes como Xiaomi ou ARCHOS están a vender patinetes eléctricos, dispositivos chamados a revolucionar a mobilidade urbana, pero que están a topar unha falta de regulación moi preocupante para os consumidores, xa que neste momento cada cidade é libre de definir a normativa que regulará as condicións nas que poden empregarse nas rúas, de xeito que non resulta claro se poden circular polas beirarrúas ou polos carrís bici, ou se teñen limitacións de velocidade. De feito, topamos con cidades que son partidarias desta solución para desprazarse como alternativa ao automóbil, mentres que noutras decláranlle directamente a guerra, de aí que os concellos estean a reclamar que a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) tome cartas no asunto, e o director xeral de Tráfico , Pere Navarro, adiantou a EFE que finalmente a DGT regulará os patinetes eléctricos a través dunha reforma da Lei de Seguridade Viaria, na que están a traballar actualmente.
Navarro asegura que «todos os concellos pedíronnos que deamos cobertura xurídica aos vehículos de mobilidade urbana que están a aparecer», aínda que matiza que «daranse unhas normas moi básicas», ou sexa, que simplemente darán unhas bases a partires das que os concellos poderán desenvolver regulamentos de seu.
Na actualidade a proliferación dos patinetes eléctricos non só son un problema polo seu uso por parte de propietarios particulares, senón ante a emerxencia de empresas de aluguer, polo que é preciso establecer normativas antes de que que o problema medre en volume e poida enquistarse.

PUBLICIDADE