A DXT equipa a súa frota de vehículos coas luces V-16 Help Flash IoT da galega Netun
martes, 3 de decembro do 2024
Netun Solutions, empresa galega de tecnoloxía avanzada ao servizo da seguridade viaria, foi adxudicataria da recente licitación da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) para o subministro de 700 unidades das súas balizas conectadas Help Flash IoT para equipar a súa frota de vehículos. Tras un proceso de selección no que se presentaron 8 empresas, a DXT elixiu as luces V-16 deseñadas, producidas e fabricadas en España. Isto, explica a empresa de Vigo, “demostra o noso liderado no sector da mobilidade conectada e resalta a calidade e innovación dos nosos produtos fronte á competencia”.
Netun engade que este contrato, que xa foi formalizado, reafirma tamén “a confianza da administración pública nestes dispositivos que son o substituto legal dos triángulos de seguridade e que, en pouco máis dun ano, serán de uso obrigatorio”.
A empresa galega tamén salienta a capacidade de DXT para adiantarse á lexislación, xa que non será ata o 1 de xaneiro de 2026 cando todos os vehículos que circulen en España deberán ter unha luz V-16 conectada para facerse visíbeis aos demais condutores en caso dun accidente ou avaría na vía.
Help Flash IoT é unha baliza de emerxencia, equipada con tecnoloxía NB-IoT (Narrow-Band Internet Of Things) que lle proporciona conectividade. En caso de incidente, ao activar a baliza, envíase de maneira inmediata, automática e anónima unha notificación ao centro de control de tráfico da DXT indicando a localización exacta do vehículo e esta información é compartida en tempo real a través da Plataforma DXT 3.0 e do Punto de Acceso Nacional aos demais usuarios da vía. Desta forma os condutores non só están sinalizados fisicamente a través dunha luz, senón que tamén o están de forma virtual. Isto, explica Netun, converte este dispositivo na “opción de sinalización máis segura e unha ferramenta imprescindíbel para optimizar a resposta en emerxencias e previr accidentes, especialmente en condicións adversas”.
A decisión da DXT de incorporar as balizas Help Flash IoT nos seus vehículos oficiais súmase a outras entidades, tanto públicas como privadas, que confían xa nestes dispositivos. Empresas como Arval, fabricantes como Toyota e Volvo, e diversas administracións xa están a integrar as solucións de Netun Solutions nas súas operacións.
“O obxectivo principal destas balizas é salvar vidas na estrada, reducindo os atropelos que se producen cando, tras unha avaría ou accidente, o condutor e os ocupantes do vehículo abandonan o habitáculo para sinalizar a situación aos demais usuarios da vía. Na medida en que máis empresas e entidades oficiais tomen este tipo de decisións, máis seguras serán as nosas estradas”, asegura Alejandro González, CMO de Netun Solutions.