A Delegación do Goberno lanza campaña nas redes para combater a violencia de xénero na mocidade

xoves, 23 de novembro do 2023 S. P.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presentou este xoves 23 de novembro as actividades da Delegación para conmemorar o 25N en Galicia (Día para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres) e as propostas do Executivo para seguir combaténdoa. Segundo fixo saber, a campaña da Delegación pon o foco nas redes sociais co obxectivo de chegar á mocidade e diríxese a promover entre a xente nova a reflexión, sensibilización e concienciación ao redor da violencia de xénero.
María Rivas destacou a importancia deste tipo de campañas xuvenís: “A seguridade e protección ás vítimas é só unha parte do labor que realizamos desde o Goberno para a loita contra a violencia de xénero; pero tamén hai que facer outro tipo de traballo de formación en materia de igualdade e no ámbito da prevención, especialmente dirixido á mocidade, para asegurarnos de que elas e eles non continúen tolerando e exercendo comportamentos machistas”.
A campaña ten como obxectivo axudar a distinguir comportamentos tóxicos e machistas que se poden dar dentro dunha relación; e informar sobre a incidencia deste tipo de violencia a través dos datos e estatísticas relacionadas con distintas situacións. Desta forma, dixo, “trata de evidenciar as mensaxes perpetuadas polo patriarcado, como o control a través da aparencia física ou a limitación da privacidade ao pedir os contrasinais dos móbiles”.
No que se refire a cifras contra as que loitar, Rivas recordou datos como que o maior aumento do número de vítimas de violencia de xénero deuse entre mozas menores de 18 anos, un 28,6%; ou que o 25% das adolescentes entre 16 e 17 anos sufriu violencia psicolóxica e que esta porcentaxe sube ata o 24% se collemos a franxa de 16 a 24 anos, moitas veces manifestada a través do control das claves do móbil (o 15% dos mozos controla as súas parellas a través do móbil).
A campaña leva como guía un xogo de palabras arredor de Crush: un termo usado frecuentemente pola mocidade que se refire ao sentimento de forte atracción que podes sentir por unha persoa, unha parella ou un ligue; e Catacrush que podería asimilarse a Catástrofe, para así contrapoñer un verdadeiro crush a un desastre de relación cunha persoa que realmente non quere a súa parella dunha forma sa. Así, o final de cada publicación insta a preguntarse si non é #crush, é #catacrush.
Rivas engadiu que as imaxes que forman parte da campaña adoptan un formato familiar para a xente nova, imitando o interface utilizado por unha popular aplicación de citas, que conta cun botón de Gústame e outro de Non me gusta para aceptar ou rexeitar coñecer á persoa que te mostra a aplicación móbil; neste caso substitúense por Crush ou Catacrush para poñer énfase na idea de rexeitamento aos comportamentos machistas.
A campaña en redes desenvólvese ao longo desta semana nos perfís oficiais de Twitter e Facebook da Delegación do Goberno en Galicia, e está enmarcada dentro das actividades organizadas pola subdelegación do Goberno na Coruña con motivo da celebración do 25 de novembro.

PUBLICIDADE