A Deputación da Coruña aproba o convenio que permitirá sentar as bases da Cidade das TIC

luns, 2 de agosto do 2021 S. P.

A Deputación da Coruña aprobou en pleno, este 30 de xullo, o convenio que permitirá sentar as bases de colaboración entre todas as institucións implicadas na construción e dotación da Cidade das TIC da Coruña, ou sexa, a entidade provinciual, o IGAPE, a Universidade da Coruña, o Concello e o Clúster TIC Galicia. Segundo se lembrou na sesión, a Cidade das TIC é un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia a nivel nacional e internacional que será centro de demostración, aloxamento para empresas, incubadora empresarial, centro de alta tecnoloxía e de investigación, entre outros obxectivos.
O convenio ten o obxectivo de, nun prazo máximo dun ano, elaborar o Plan Director da Cidade das TIC e deseñar e poñer en marcha a súa estrutura de gobernanza, “dous aspectos imprescindibles para o seu desenvolvemento futuro”. O plan, engadiuse, permitirá analizar o contexto no que se encadra o novo polo tecnolóxico emprazado na antiga Fábrica de Armas, avaliar a súa contribución para todos os sectores produtivos relacionados coa tecnoloxía, definir un plan de accións, propoñer unha visión estratéxica de futuro e establecer unha folla de ruta.
En canto á estrutura de gobernanza, no marco do convenio farase unha análise das diferentes fórmulas xurídicas para buscar a máis adecuada e levarase a cabo a tramitación dos diferentes pasos para a constitución da sociedade pública.
O orzamento para a execución destas accións previstas no documento de colaboración ascende a 180.000 euros dos que a Deputación da Coruña achega o 20%, 36.000 euros; o Concello o 42%, 75.600 €; o IGAPE outro 20%, 36.000 €; a UDC o 17%, 30.600 euros; e o Clúster o 1%, 1.800 euros.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a importancia de "sumar esforzos e sinerxías para lograr, entre todos, que o desenvolvemento da cidade das TIC se faga no menor tempo posible xa que é un proxecto estratéxico, non só para a cidade, senón para a toda a provincia xa que atraerá a un gran número de empresas e tamén fará as funcións de acompañamento e impulso para outras, uns obxectivos cos que estamos comprometidos ao 100% Deputación”.