A Deputación de Lugo capta preto de 4 millóns de euros de fondos europeos para avanzar en dixitalización
venres, 2 de xuño do 2023
A
Deputación de
Lugo aprobou este venres 2 de xuño aceptar un investimento de preto
de 4 millóns de euros de fondos europeos para avanzar na dixitalización da
Administración local da provincia. Así o informou o deputado en
funcións de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que
explicou que o Ministerio de Política Territorial comunicou a súa
decisión de conceder á institución provincial 2,14 millóns de euros adicionais,
aos 1,58 millóns de euros asignados inicialmente, para realizar proxectos
orientados a “mellorar as infraestruturas dixitais e o equipamento
electrónico”.
Segundo
valorou o deputado, “trátase dunha noticia moi importante, entre
outras cousas porque a Deputación de Lugo é a entidade local de
todo o territorio nacional que recibe unha maior cantidade de axuda
derivada dos remanentes dos fondos de Transformación Dixital e
Modernización das Administracións Locais”. Uns fondos que forman
parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia
habilitado polo Goberno do Estado e dos que a institución provincial
recibe preto do 20%.
Explicou
Rivera Capón que estes fondos “permitirán levar a cabo actuacións
tan relevantes como integrar a Administración Electrónica dos
concellos cos servizos da Administración Xeral do Estado, implantar
postos de traballo intelixentes que permitan mellorar a resiliencia
dos municipios, crear oficinas de asistencia en materia de rexistro,
implantar un sistema de gravación nos plenos dos concellos da
provincia, ou mellorar a accesibilidade das páxinas webs municipais,
aumentando así a transparencia dos concellos”.
Rivera
Capón sinalou tamén que estes proxectos “estarán baseados na
adhesión e estudo das necesidades particulares de cada municipio”.