A Deputación da Coruña, a USC e a UDC xuntan forzas a prol do emprendemento tecnolóxico

luns, 6 de marzo do 2023 S. P.

A Deputación da Coruña alíase coas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña para apoiar o emprendemento innovador con base tecnolóxica. Así o fixeron saber durante a sinatura dun acordo asinado este 6 de marzo, o presidente da entidade provincial, Valentín González Formoso, e os reitores Antonio López Díaz (USC) e Julio Abalde Alonso (UDC). En concreto, o convenio asinado ten o obxectivo de ampliar o capital social de Unirisco, a sociedade de capital risco participada por ambas institucións académicas para impulsar na provincia da Coruña a creación de novas empresas innovadoras cunha importante base tecnolóxica.
A Deputación compromete neste acordo unha achega económica de 400.000 euros coa finalidade de financiar a participación das universidades de Santiago e da Coruña na ampliación de capital de Unirisco Galicia. Esta sociedade ten como misión fundamental contribuír a incrementar a transferencia de coñecementos das universidades e centros de investigación ao mundo empresarial, achegando financiamento, participando no capital e concedendo préstamos a proxectos emprendedores baseados en ciencia e tecnoloxía.
Tanto a Universidade de Santiago como a da Coruña son socias fundadoras e participan no accionariado desta sociedade.
Segundo explicaron os reitores, a ampliación de capital de Unirisco é “unha boa oportunidade para que, co apoio da Deputación da Coruña, dende a USC e a UDC poidamos participar da mesma e así asegurar que na política de investimentos de Unirisco se lle dea prioridade a empresas radicadas na provincia da Coruña pertencentes a sectores considerados estratéxicos como a biotecnoloxía, a farmacoloxía, as tecnoloxías da saúde, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), o sector agroalimentario, a Industria 4.0, a economía circular ou as novas formas de enerxía e sustentabilidade”. Tanto o presidente da Deputación coma os reitores das universidades salientaron a necesidade de “apostar decididamente pola innovación e as novas tecnoloxías, favorecendo ecosistemas de emprendemento de base tecnolóxica”.
Os reitores da USC e UDC destacaron que, ao abeiro de Unirisco, conformáronse iniciativas emprendedoras que hoxe son referentes nos seus sectores como GaliChimia, asentada en Touro e gañadora do premio PEL á mellor iniciativa empresarial consolidada 2021, que naceu cunha participación inicial de Unirisco e hoxe conta con máis de 100 traballadores e unha posición punteira no seu sector, ou a tecnolóxica coruñesa Appentra, xurdida do seo do Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC).

PUBLICIDADE