A Deputación da Coruña organiza obradoiros para formar adolescentes nun uso seguro das redes sociais

xoves, 6 de marzo do 2025 S. P.

Formar adolescentes, familias e docentes no uso seguro e responsábel das redes sociais é o obxectivo do novo programa educativo creado pola Deputación da Coruña e que chega baixo o título de: Problemas dixitais, solucións reais.
Indo á proposta, dicir que achegará obradoiros nos que se abordarán temas clave como a protección da privacidade, a prevención do ciberacoso e a xestión saudábel do tempo en liña.
Con estes obradoiros quérese axudar ás persoas nativas dixitais, nadas máis aló do 1997 (e coñecidas como a Xeración Alfa), a detectar cales son os bos e malos usos dentro das redes sociais. Asemade, ofreceranse ferramentas clave para as familias e o persoal formador para que poidan non só comprender, senón traballar cos adolescentes neste eido.
Deste xeito, a Deputación da Coruña pon en marcha un programa que desenvolve contidos arestora non contemplados no sistema educativo de Galicia e que poden axudar a paliar problemas derivados do uso desmedido das redes sociais como trastornos de saúde mental (ansiedade, depresión, baixa autoestima...), illamento social, sedentarismo ou o acoso nas redes (ciberbullying).
Indo ao proxecto, sinalar que comezará cun obradoiro formativo de 90 minutos para estudantes encamiñado a promover a conciencia sobre o ciberbullying impartido por Diego Arroba El Cejas, actor e creador de contidos dixitais con máis de 1,2 millóns de seguidores nas súas redes e experiencia persoal nos temas a tratar. Tamén participará Sara Antúnez, presidenta da asociación contra o ciberacoso StopHaters, quen achegará estratexias de protección e actuación ante situacións de acoso en liña.
No tempo dos obradoiros trataranse prácticas seguras para acadar a privacidade e a intimidade nas redes, xeitos de entender situacións de ciber acoso, protocolos de actuación e denuncia, implicacións legais para as persoas acosadoras e casos prácticos.
Engadir que os primeiros centros en participar serán: o IES de Ortigueira, o IES de Fene, o CPR Plurinlingüe San José e o IES Breamo (de Pontedeume), o IES Plurilingüe Castro da Uz e IES Moncho Valcarce (de As Pontes), entre o luns 24 de marzo e o mércores 26 do mesmo mes.