A Deputación da Coruña activa nas redes unha campaña para promover a lectura e o libro galego

mércores, 5 de outubro do 2022 S. P.

A Deputación da Coruña, a través da Área de Normalización Lingüística, bota a andar este mércores 5 de outubro a campaña Un outono cheo de letras, unha iniciativa que se desenvolve ao longo deste mes e que ten o obxectivo de mostrar o firme compromiso da institución provincial co fomento da lectura e o libro galego. A iniciativa celebrarase nas redes sociais e fará fincapé “na importancia que ten a lectura á hora de formar persoas e sociedades máis abertas e libres”, en palabras de Normalización Lingüística de Deputación, que salienta como “o libro galego contribúe a termos unha visión propia do mundo e á dinamización da nosa lingua”.
A campaña ofrecerá contidos para crianzas destinados a fomentar o seu coñecemento sobre libros, librarías e bibliotecas, e sobre o potencial dos libros para “igualar social e culturalmente á cidadanía”. Para isto, ademais dunha imaxe gráfica específica, o proxecto lanzará nas redes microentrevistas con diferentes actores sociais, vídeos divulgativos e entradas. Amais, farase referencia aos distintos premios cos que a Deputación fomenta a creación na nosa lingua e os programas e organismos para fomento da lectura.
“A campaña”, explican fontes da Deputación, “ponse ao lado de todas as persoas e empresas que traballan cada día nun sector cun forte peso simbólico (e económico), historicamente clave no proceso de normalización lingüística; cómpre lembrar que detrás de cada libro en galego hai creadoras, ilustradoras, maquetadoras, editoras, correctoras, fotógrafas, tradutoras, distribuidoras, libreiras, xornalistas.. .Un universo de homes e mulleres que contribúen a espallar o saber, o gozo e o pensamento coas nosas palabras”.
Concurso e bonos-libros
As persoas internautas serán as protagonistas da compaña, xa que están convidadas a compartir os contidos que se vaian lanzando cada día. As persoas participantes que compartan en Facebook, Twitter ou Instagram entradas da campaña participarán no sorteo de 10 bonos-libros (valorado cada un en 100 euros). As persoas gañadoras poderán empregar estes abonos na libraría da provincia da Coruña que libremente elixan.

PUBLICIDADE