A Deputación da Coruña adxudica a Pedralonga Estudios a xestión de Coruña Estudio Inmersivo (CEI)
luns, 30 de decembro do 2024
O pleno da Deputación da Coruña aprobou a adxudicación da xestión dos servizos do centro de produción virtual VPXR, Coruña Estudio Inmersivo (CEI) á sociedade Pedralonga Estudios, S.L, constituída neste ano 2024 e participada polo Clúster Audiovisual Galego e por recoñecidas empresas do sector audiovisual, como Portocabo, TEX45 Producións, Vaca Films, Voz Audiovisual, Congo Producciones, Zénit Televisión, Producciones Audiovisuales Sete Media, Undodez, Avendaño Estudio e Centro de Estudios Marcote.
O obxecto do contrato que se asinará con Pedralonga Estudios consiste na xestión e explotación do centro de produción virtual VPxR, promovido pola Deputación da Coruña no marco do proxecto Ecosistema Dixital do Sector Audiovisual de Galicia (EDAGA) – Coruña Estudio Inmersivo (CEI), por un período de 20 anos prorrogábeis por outros 5 años máis, para o que se estableceron as normas, directrices e estilo ás que debe axustarse a actuación do explotador do centro de produción virtual VpxR.
O CEI, que segundo lembra a Deputación “é o maior estudio de produción audiovisual virtual de España” e que entrará en funcionamento a principios de 2025, supón un investimento de preto de 9 millóns de euros, cofinanciados entre a Deputación e o Goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, para dotar á Coruña dun plató virtual dotado da tecnoloxía máis innovadora, proporcionada por Telefónica.
A sociedade ten como obxecto social a xestión de instalacións dedicadas á actividade audiovisual e a súa actividade establécese na prestación de servizos audiovisuais. No marco deste contrato, encargarase da xestión e explotación do CEI da Deputación, situado na Cidade das TIC da Coruña.
A institución provincial engadiu que “a adxudicación deste contrato a Pedralonga Estudios garante a correcta posta en marcha da infraestrutura e a súa promoción e e posicionamento no mercado audiovisual nacional e internacional, así como un crecemento sostíbel e a súa innovación continua a través da súa integración no ecosistema audiovisual e tecnolóxico”.
A empresa adxudicataria ocuparase de “garantir a operatividade e o óptimo funcionamento do CEI, así como da calidade do servizo público prestado”.
Para a Deputación, a sociedade é “unha mostra da fortaleza do sector audiovisual galego e da importancia que ten na nosa provincia como tractor para o desenvolvemento dunha industria en crecemento, con excelentes expectativas na creación de emprego no ámbito provincial”.
O CEI, que contará coa tecnoloxía máis avanzada do mundo en produción audiovisual virtual, pretende “situar a Galicia como unha referencia para as producións da industria audiovisual”.
Este novo escenario virtual, engadiu a Deputación, “posibilitará aos produtores de cine e televisión a creación de contornas virtuais altamente detalladas e realistas que ofrezan unha experiencia inmersiva ao espectador e que posibiliten a creación de contido interactivo e de Realidade Aumentada de forma que os actores poidan interactuar cos elementos virtuais en tempo real”.