A Deputación da Coruña adxudica por 2,5 millóns as obras do edificio de Coruña Estudio Inmersivo
xoves, 14 de decembro do 2023
A
Deputación
da Coruña vén de adxudicar as obras de construción do edificio do
escenario virtual Coruña Estudio Inmersivo (CEI) por un valor de
2.534.538,12 euros. As obras contan cun prazo de execución de 8
meses a partir do seu inicio, previsto para principios de 2024. O
inicio das obras marcará o último paso para a posta en marcha do
CEI, tras a adxudicación en agosto da tecnoloxía de vangarda do
plató por 61, millóns.
A
Deputación traballa para que Coruña Estudio Inmersivo (CEI) entre en
funcionamento na Cidade das TIC a principios do outono de 2024. Neste
senso, o presidente provincial, Valentín González, dixo que o
proxecto "contará coa tecnoloxía máis avanzada en produción
audiovisual virtual para situar á provincia da Coruña como un polo
de referencia neste eido, potenciando e mellorando a competitividade
das empresas galegas do sector e atraendo a Galicia producións de
cine, televisión ou videoxogos de toda Europa".
O
edificio vaise construír nunha parcela de 2.539 metros cadrados da
Cidade das TIC da Coruña dentro da que se levantarán dous edificios
interconectados; un primeiro bloque situado na parte leste da parcela
onde estará o estudio audiovisual virtual e un segundo bloque na
parte oeste, de 36,7x32 metros, que dará servizo ao escenario. O
sistema escollido para a súa execución é a través dun sistema
prefabricado de estrutura en formigón, o que permitirá que os
prazos para rematar a obra sexan máis reducidos, de 8 meses.
O
edificio quedará elevado sobre o terreo natural, medrando a súa
altura cara á fachada sur, o que “permitirá ventilar o forxado da
planta baixa, reducir a humidade, a condensación e, ademais, xerar
unha barreira contra o radon”, explicou o presidente, engadindo que
“isto tamén posibilita crear unha planta de soto na parte sur sen
necesidade de escavar”.
Como
eixo desta infraestrutura crearase un patio central que servirá como
nexo de unión entre os dous bloques e en torno ao que se disporán
dous espazos en forma de L vinculados ao escenario virtual, no que se
disporán os diferentes usos: o acceso e as circulacións, camerinos,
vestiarios, unha sala de maquillaxe e de peiteados, unha sala de
figuración, tres salas polivalentes, dúas de controis técnicos,
despachos, salas de produción, unha zona de descanso e conciliación,
unha sala de instalacións, e un almacén.
Para
a urbanización de toda a contorna proponse crear na parte norte un
acceso con zonas de parterres e un espazo de descanso baixo arborado
na zona sur, aproveitando o desnivel para “crear unha grada e un
lugar de descanso xunto á zona pública do edificio e vinculado co
patio”.
Para
o deseño do edificio tamén se tiveron en conta criterios de
sustentabilidade, explicou González Formoso, engadindo que as
fachadas a sur están protexidas da radiación solar no verán, pero
no inverno permiten que esta radiación incida sobre as carpinterías
e axude a atemperar o interior. Inclúese o uso de cubertas vexetais
con Sedum, plantas autóctonas que non necesitan de mantemento e que
permiten a recuperación de auga, “implementando así un sistema de
almacenamento e reciclaxe da auga da chuvia”, salientou a
Deputación, destacando o emprego de paneis fotovoltaicos que
permitan satisfacer ata un 80% da demanda de electricidade dos
edificios.
Unha
vez completadas as obras do edificio, procederase á instalación dos
sistemas de pantallas LED, cunha pantalla semicircular de 28 metros
de longo e 6 de alto e resolución 4K e a súa correspondente
pantalla de teito móbil de máis de 100 metros cadrados, coa que se
crearán fondos envolventes e dinámicos, dotados de perspectiva e
profundidade. Este sistema de pantallas, que permite recrear con
absoluto realismo e capacidade inmersiva calquera escenario real ou
virtual, irá emprazado nun gran escenario de 750 metros cadrados co
que contará o novo edificio.
O
presidente provincial tamén salientou que a combinación dos
sistemas de escenografía virtual VR/AR/XR e pantallas LED coa que
contará o escenario virtual “deberán posibilitar aos produtores
de cine e televisión a creación de contornas virtuais altamente
detalladas e realistas que ofrezan unha experiencia inmersiva ao
espectador e que posibiliten a creación de contido interactivo e de
Realidade Aumentada de forma que os actores poidan interactuar cos
elementos virtuais en tempo real”. A tecnoloxía vén proporcionada
por Telefónica.