A Deputación da Coruña apoiará a transformación de case medio milleiro de empresas da provincia

venres, 18 de agosto do 2023 S. P.

A Deputación da Coruña compartiu os seus detalles sobre as súas subvencións destinadas a fortalecer o tecido empresarial nos concellos da provincia (PEL Emprende Investimento 2023). Destinaranse un total de 3.763.486 euros para apoiar a 491 negocios de toda a provincia na compra de maquinaria, aplicacións informáticas, mobiliario e equipos para procesos de información.
En canto á tipoloxía das entidades beneficiarias, o 77,39% son profesionais autónomos/as con 380 solicitudes concedidas. Ademais, un 31,36% dos beneficiarios realizan a súas actividades económicas en sectores estratéxicos, emerxentes e de alto potencial en Galicia.
A Deputación explicou que 189 beneficiarios/as teñen o seu domicilio fiscal en concellos de 5.001 ata 10.000 habitantes (o que representa o 38,49% do total) e 88 en concellos con poboación maior ou igual a 20.000 habitantes (o que representa o 17,92%). “Os datos”, explican fontes da entidade provincial, “mostran que os criterios valorábeis establecidos na convocatoria son efectivos á hora de favorecer ás persoas autónomas, así como aos concellos máis rurais da provincia, cun 64,56% dos beneficiarios en concellos de menos de 10.000 habitantes”.
A través desta liña concreta de axudas, a entidade provincial quere “facilitar a posta en marcha de novos proxectos empresariais innovadores, así como tamén apoiar aos xa existentes, co fin de estimular e impulsar a recuperación do tecido empresarial, fomentando o desenvolvemento equilibrado do territorio e favorecendo a creación de emprego a través da creación de empresas”.
Podemos consultar a resolución das axudas no BOP nº 155.