A Deputación da Coruña brinda o seu apoio á aplicación da Mesa A liña do galego

mércores, 15 de novembro do 2023 S. P.

A deputada de Normalización Lingüística, Soledad Agra, asinou un convenio de colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística e coa Agrupación Cultural Correlingua para o financiamento de dúas iniciativas que se complementan na súa arela de incentivar o uso do galego: por unha banda a aplicación móbil A liña do galego e, pola outra, Na casa, na escola, bota a lingua fóra! A primeira iniciativa recibe 34.000€ e a segunda, a de Correlingua, 20.000€.
O obxectivo concreto destes convenios é “contribuír, dende a entidade provincial, á normalización da lingua galega e fomentar o seu uso, mediante o apoio a iniciativas sociais normalizadoras, así como á existencia e difusión de contidos en lingua galega”.
A Mesa pola Normalización Lingüística
No caso da Mesa, a área de Normalización Lingüística da Deputación financia o 80% do programa A liña do galego, unha ferramenta que por vía telefónica, e tamén a través da aplicación móbil do mesmo nome, ofrece a toda a poboación a posibilidade de avanzar no dereito a vivir en galego dunha forma sinxela, rápida, segura e cómoda. Este servizo tramita consultas, queixas e parabéns en temas relacionados cos dereitos lingüísticos, co obxectivo de romper a normalidade e impunidade da exclusión do galego
Asociación Correlingua
Por outro lado, a entidade provincial apoia ao Correlingua no seu obxectivo de incentivar o uso oral do galego e polo tanto a súa normalización como medio de comunicación habitual entre a xente nova. Faino a través da subvención dun 60,20% do programa Na casa, na escola, bota a lingua fóra! que acolle diversas actividades en prol do idioma por Galicia, cun carácter lúdico, educativo e reivindicativo. Este proxecto convida á mocidade, alumnado e centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito de medrar en galego e tamén exercer de maneira efectiva o uso do noso idioma como única forma de garantir o seu futuro.

PUBLICIDADE