A Deputación da Coruña celebra online as xornadas de dinamización lingüística Malas Linguas

martes, 27 de outubro do 2020 S. P.

A Deputación da Coruña vai celebrar en formato online as xornadas Malas Linguas, destinadas a sentar os alicerces para incrementar o número de falantes en galego e “revitalizar lingüisticamente as linguas ameazas”. Desenvolveranse os días 10 e 12 de novembro.
Logo das convocatorias dos dous anos previos, as xornadas dan ao chimpo ao dixital coa participación de especialistas en sociolingüística e poñendo o foco nas cousas que se poden facer para incrementar a presenza do galego en todos os ámbitos, especialmente entre as novas xeracións.
A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, salientou a importancia deste espazo de reflexión e debate para "atender e analizar a situación lingüística do país, atender os dereitos lingüísticos das falantes de galego e poder intervir de forma eficaz para conservar a riqueza que o idioma propio supón”.
Por outra parte, Andrea Rico, coordinadora do proxecto, destacou a capacidade de “adaptar esta proposta á situación sanitaria, para que os proxectos culturais e sociais non fiquen paralizados”. Tamén enxalzou o compromiso e a participación das persoas relatoras, que son, dixo, algunhas das investigadoras de meirande renome nos ámbitos galego e estatal.
A actividade é aberta e de balde, os días 10 e 12 de novembro mais as prazas para estar no encontro ao vivo na plataforma Zoom son limitadas. Para as inscricións cómpre anotarse no espazo web específico das xornadas. Logo, as xornadas serán subidas á canle de Youtube da Deputación da Coruña.
No martes, día 10, a xornada abordará as Boas prácticas para as linguas minorizadas do Estado (17h-18:30) con Paula Kasares, Isaac Lourido e Xian Naia e no xoves, día 12, analizarase o tema Revitalización lingüísticas en linguas ameazadas (17:15 - 18:30) con Mónica Barrieras e Itziar Idiázabal rematando tamén con debate.

PUBLICIDADE