A Deputación da Coruña centra nas redes boa parte da súa campaña do 25N
mércores, 15 de novembro do 2023
A
área de Igualdade da Deputación
da Coruña, liderada pola deputada Soledad Agra, presentou onte os detalles da nova edición da campaña
provincial De Fronte á violencia de
xénero, lanzada novamente con motivo do 25N e co obxectivo
de “incidir na sensibilización e concienciación da mocidade”.
Centrándose nas violencias machistas en contextos de lecer, na festa
e no ocio nocturno, inclúe diferentes accións específicas en torno
a este obxectivo, e outras máis xenéricas dirixidas á poboación
xeral. As accións específicas para as novas xeracións terán unha
vertente claramente dixital,
tal e como se pon de manifesto na web da iniciativa.
“As
agresións sexuais en contextos de ocio nocturno estanse dando cada
vez máis habitualmente e normalizando” apuntaba a deputada de
igualdade. “É unha situación moi grave na que poñemos o foco,
porque queremos que as nosas rapazas non teñan medo a saír, e
poidan divertirse con tranquilidade e seguridade”, engadía.
Nunha
iniciativa á que están adheridas 91 concellos, 82 entidades sociais
e 35 centros de ensino, a Deputación pon á súa disposición, e
tamén á do público en xeral, diferentes recursos como
documentación, vídeos, e guías de actividades, entre outros, para
traballar conceptos básicos sobre violencia de xénero con distintos
colectivos, así como a posibilidade de descargar a imaxe gráfica da
campaña en diferentes formatos.
No
eido da celebración do 25N, a área de igualdade da entidade
provincial desenvolverá unha serie de actividades que a continuación
se detallan.
Programación
-Obradoiros:
Levaranse a cabo un total de 14 obradoiros “formulados en
positivo”, cunha duración mínima de 2 horas, onde cuestionar
mensaxes e hábitos que alimentan as violencias sexuais en contextos
de lecer e festa. Dirixidos a alumnado de IES da provincia,
colectivos e asociacións xuvenís e persoas usuarias de centros de
atención á diversidade, farase uso de ferramentas TIC (Tecnoloxías
da Información e a Comunicación) para realizar unha pequena peza
audiovisual en formato stop motion con pezas LEGO. Estes
obradoiros comezaron o 9 de novembro na asociación Íntegro de
Cabana de Bergantiños e percorrerán Boiro, Cedeira, A Pobra do
Caramiñal, Arzúa, Corcubión, Ribeira, A Coruña, Ordes, Outes,
Muros, Santiago e Zas durante o mes de novembro.
-Acto
institucional: Na mañá do 24 de novembro terá lugar no
vestíbulo do Pazo Provincial da Deputación un acto institucional
que contará coa presenza do dúo Camaño&Ameixeiras, que lerán
un texto propio e interpretarán dúas pezas en formato acústico.
Ademais, haberá unha declaración institucional.
-Acción
nas rúas: Co obxectivo de facer visíbeis situacións reais de
agresións sexuais, nas rúas de Santiago, Cee, A Coruña e Ferrol
levarase a cabo a acción #RompeOSilencio, a través da que se
recollerán testemuñas anónimas que anotarán nun papel as súas
experiencias que queiran compartir e posteriormente depositarán
nunha furna.
-Pílulas
dixitais a pé de rúa: Crearanse breves vídeos divulgativos
coas testemuñas de situacións reais recollidas na acción
#RompeOSilencio. Compartiranse na web e nas redes sociais.
A
campaña inclúe, un ano máis, diferentes accións para incidir na
concienciación e sensibilización dun público clave como é a
mocidade, a través da divulgación dende unha mirada en positivo.