A Deputación da Coruña centra nas redes sociais boa parte das súas actividades de conmemoración de Manuel María

venres, 13 de maio do 2016 Redacción

A Deputación da Coruña está a desenvolver xa un máis que completo feixe de actividades para celebrar a figura do noso poeta Manuel María e, por extensión, o Día das Letras Galegas (o vindeiro martes 17 de maio, tamén en significativa coincidencia Día Mundial de Internet). Hai un pouco de todo (photocalls, videopoemas, obradoiros), pero boa parte das accións terán un piar firme nas redes sociais, por ser estas un vehículo axeitado tanto para chegar á meirande cantidade de cidadáns como para fortalecer a boa saúde futura da nosa lingua e cultura. O programa, que vén da man da Área de Cultura da Deputación, artéllase en torno a dous eixes: a rúa e a Rede. Estes son, de feito, os principais escenarios das actividades.
As iniciativas foron dadas a coñecer esta semana pola vicepresidenta Goretti Sanmartín acompañada de Saleta Goi, a viúva do poeta Manuel María (e presidenta da Fundación que leva o nome do escritor chairego). O acto tivo lugar nun espazo especialmente significativo para a festividade do 17: celebrouse no recanto do local no que Manuel María mantiña o seu faladoiro diario na Coruña (o xa desaparecido Café Kirss).
Por certo que na web manuelmariasomosnos.gal podemos atopar toda a información ao respecto sobre os eventos xa desenvolvidos e por desenvolver.
A programación preparada, sinalou Sanmartín facendo fincapé na importancia das comunidades dixitais a nivel cultural, “céntrase de maneira especial neses novos espazos de encontro que son as redes sociais, acaídos para a difusión da obra de Manuel María e a súa figura entre a xente nova”. A responsable do departamento da Cultura explicou os días pasados que a Deputación da Coruña guinda un programa de actividades para a celebración da obra de Manuel María “con actos multidisciplinares, didácticos, divulgativos e participativos”. O obxectivo, sinalou, “é achegar a vida e obra de Manuel María ao publico de xeito atractivo, próximo e lúdico”, traballando ámbitos de expresión como a poesía expandida, a videopoesía e a conexión coa cidadanía.
Pola súa banda, a presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi, agradeceu na súa intervención á Deputación da Coruña a difusión da obra e a figura de Manuel María e pediu "concienciar para que todos os puntais deste país, como o mapa de Fontán se vexan no seu conxunto, que se valoren". Agradeceu tamén "a todo o país" a resposta que está a ter a homenaxe deste ano a Manuel María, un escritor que, como destacou, "tamén estivo sempre con este país".
Arredor da figura de Manuel María, a área de Cultura da Deputación da Coruña desenvolverá as seguintes actividades:
· Videopoema documental: Producirase unha peza documental experimental en clave de videopoesía e formato curto, dirixida por DSK (Juan Lesta e Belén Montero), con música de Koroiev. Nela, explorarase a vida e obra de Manuel María con intencionalidade divulgativa e artística, empregando textos do poeta e colaboracións con persoas próximas. Manuel María falará de si.
· Videopoema colectivo: Partindo do poema Galicia lanzarase unha convocatoria nas redes sociais para que cada persoa se grave recitando un anaco do mesmo (ou a súa totalidade) e comparta o clip co cancelo #OMeuManuelMaría. Durante a semana previa ao Día das Letras, recolleranse eses vídeos das redes sociais e editaranse de maneira que cada persoa participante recite un verso e, entre todas, o resultado sexa o poema enteiro. A estrea será online e na Biblioteca Provincial da Coruña.
· Obradoiro de poesía e ilustración. Este venres 13 de maio estase a celebrar un obradoiro infantil de poesía e ilustración sobre o poemario As rúas do vento ceibe, impartido por Celia Parra. Cunha duración de 3 horas, o obradoiro ten como obxectivo achegar a poesía de Manuel María á rapazada de maneira visual. Exploraranse exemplos de poesía visual, caligramas, acrósticos e colaxes. Cada participante ilustrará un poema da obra As rúas do vento ceibe e o resultado exporase na Biblioteca Provincial.
· Photocall. Montaxe nas rúas de cinco vilas da provincia dun photocall coa imaxe gráfica da campaña, sobre a que se convidará aos cidadáns a facérense fotos suxeitando versos impresos de Manuel María. O obxectivo desta acción é o de “achegar á rúa, e, por tanto a toda a xente, os versos de Manuel María, para que poidan interactuar con eles e máis tarde compartilos na Rede”. Deste xeito, sinala a Deputación, “a acción ten reflexo no ámbito dixital, no analóxico, e aínda sendo un evento efémero deixa pegada no tempo en forma de fotografías”.
Deseñarase un photocall coa imaxe gráfica do Día das Letras Galegas e situarase nos puntos máis concorridos de cinco localidades . O obxectivo é promover a interacción da cidadanía co photocall, de maneira que as persoas que pasen ao redor tiren fotos fronte aquel carrexando versos de Manuel María.
Á disposición do público haberá unha selección de 15-20 fragmentos de poemas de Manuel María dispostos en formato grande. A persoa encargada de fotografía tomará as fotos e subiraas ás redes. Tamén se repartirá un folleto informativo. Os lugares escollidos son: A Coruña (Teatro Colón, Centro Ágora, Forum Metropolitano) Ames (Milladoiro. Praza Manuel Murguía) Carballo (Pazo da Cultura), Pontedeume (Rúa Real, fronte ao Concello) e Ribeira (Praza do Concello).
As datas previstas son as seguintes:
A Coruña o 10 de maio de 10 a 13 horas. Teatro Colón
Forum Metropolitano o 16 de maio de 10 a 13 horas. Hall Forum Metropolitano
Ames o 10 de maio de 17 a 20 h. Milladoiro. Praza Manuel Murguía
Carballo, o 11 maio de 11 a 14 h. Pazo da Cultura
Pontedeume, o 11 de maio de 17 a 20 h. Rúa Real, fronte ao Concello
Ribeira o 12 de maio de 11 a 14 horas, fronte ao Concello