A Deputación da Coruña centra o 25N nos novos discursos machistas que inzan as redes
mércores, 19 de novembro do 2025
A responsable de Igualdade na Deputación da Coruña, Sol Agra, presentou a campaña da Deputación da Coruña polo 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Este ano, a institución pon o foco nos novos discursos, ferramentas e estéticas que alimentan as violencias machistas, desde a manosfera ata o fenómeno coquette, as chamadas tradwives ou os ataques e manipulacións realizados mediante o uso de intelixencia artificial. A Deputación alerta de que estas correntes, cada vez máis presentes entre a mocidade, “consolidan unha perigosa idealización da submisión, os roles de xénero considerados tradicionais e a desigualdade”.
Durante a presentación, Sol Agra subliñou que “a violencia contra as mulleres segue a ser estrutural e diaria”, e advertiu do avance de discursos negacionistas que “pretenden como elección ou estilo de vida o que realmente é machismo; mais non son inocentes: forman parte dunha estratexia que tenta inverter os avances conquistados e desactivar o feminismo”. A deputada puxo o acento na importancia de dotar ao sistema educativo de contidos transversais en igualdade, para “fomentar o pensamento crítico e dotar de orzamentos as políticas públicas con perspectiva feminista para contrarrestar estes discursos e garantir que a mocidade acceda a información veraz e segura”.
A campaña provincial inclúe unha xornada con palestras dedicadas ás novas violencias, así como un circuíto de obradoiros interxeracionais que se desenvolverán de maneira presencial en dez concellos da provincia. O programa complétase coa edición de unidades didácticas dirixidas á adolescencia e tamén a persoas adultas, co obxectivo de ofrecer ferramentas educativas que permitan identificar, comprender e combater estas formas de violencia. Ademais, elaboraranse distintos contidos gráficos e audiovisuais, como reels, infografías e outros materiais divulgativos que estarán dispoñibles na páxina web De Fronte.
