A Deputación da Coruña conmemora co 25N poñendo o foco na loita contra as violencias dixitais

venres, 25 de novembro do 2022 S. P.


Baixo o lema De Fronte á violencia de xénero, neste ano 2022 a Deputación da Coruña está a desenvolver unha serie de actividades encamiñadas a poñer o foco na loita contra as violencias dixitais. "É nestas contornas tecnolóxicas onde se está dando un incremento moi importante de ataques, que afecta a amplas capas da sociedade, mais dun xeito maioritario a mulleres adolescentes" asegurou María Muíño durante a súa intervención no acto institucional deste 25-N (Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres), engadindo que "non podemos deixar que sexa unha violencia invisíbel, senón que temos que analizala, investigala, combatela e destinar recursos na prevención do ciberbulling, do sexting, do grooming, da sextorsión ou da pornografía non consentida".
Para exemplificar e denunciar este tipo de situacións, trala intervención da deputada de Igualdade, a actriz Marta Ríos puxo en escena unha peza de micro-teatro na que representou ante o alumnado unha situación de grave situación de violencia machista nas redes. Esta actividade presencial, compleméntase cunha serie de vídeos protagonizados por Melania Cruz e que están dispoñíbeis na web da campaña defronte.gal, para sensibilizar sobre diferentes situacións reais de violencia dixital e ofrecer ferramentas contra o ciberacoso, o sexting, sextorsión ou o groomin.
A sesión no IES Puga Ramón (á que tamén asistiron o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, persoal técnico do departamento provincial de Igualade e persoal docente do IES) rematou cunha actuación a cargo de sete alumnas do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación titulada Vivas.
Dende a entidade provincial fixeron saber que a decisión de dirixir a campaña cara a poboación moza nas violencias dixitais baséase en “datos estatísticos que indican que 1 de cada 5 rapaces de entre 16 e 25 anos considera que a violencia machista non existe” e asimílana como “un invento ideolóxico creado polo movemento feminista, e que só 4 de cada 10 considera que as desigualdades de xénero son elevadas e causan dano ás mulleres”.
Declaración institucional
O pleno da Deputación, celebrado este venres 25 comezou coa lectura da Declaración institucional do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres 2022, acordada por todos os grupos políticos da corporación.
Entre outros datos, a Declaración Institucional da Deputación da Coruña recolle as "cifras alarmantes" de casos de violencia machista neste ano 2022: 57 mulleres foron asasinadas polas violencias machistas, 23 fillos e fillas quedaron orfos e un menor foi asasinado por violencia vicaria, segundo o conxunto dos datos oficiais coñecidos ata o momento.
"Os crimes machistas son perdas inasumíbeis nunha sociedade avanzada e moderna", recolle o documento institucional, que tamén pon o foco en que "estamos ante unha cuestión de Estado, de saúde pública e un grave atentado aos Dereitos Humanos. Temos diante unha realidade innegábel que nos interpela a todos e todas a unha acción firme en prol da erradicación da violencia contra as mulleres e das actitudes sociais que a toleran, a xustifican, ou mesmo a banalizan. Debemos intensificar esforzos para combater o machismo e condenar todas as actitudes, prácticas e condutas que consenten e reproducen as violencias machistas".
Nesta declaración, a Deputación ratifica o compromiso co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, lembrando a necesidade de continuar avanzando no seu desenvolvemento e reivindicando o papel que xogan as entidades locais. Tamén se compromete, entre outras cuestións, a continuar traballando na ruptura do silencio, sensibilizando e concienciando á cidadanía do problema estrutural que para a nosa sociedade supón a violencia machista; demanda a utilización de todos os recursos que sexan necesarios na asistencia, axuda e protección das vítimas e dos seus fillos e fillas; e recolle un compromiso expreso co mantemento do programa de subvencións, posto en marcha pola Deputación da Coruña, a concellos e outras entidades locais para o financiamento de persoal técnico axentes de igualdade e ao programa de financiamento destinado a entidades que traballan pola igualdade e na loita contra a violencia machista, para desenvolver programas de formación, conciliación, intervención e sensibilización.

PUBLICIDADE