A Deputación da Coruña convida a mostrar nas redes os mellores lugares para abrir un libro

luns, 8 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

A lectura compártese, e non só iso, senón tamén os lugares máis acaídos para ler. Tendo en conta isto e as posibilidades de interacción entre lectores que se poden establecer a través das redes sociais, coa escusa de falar dos mellores sitios para abrir un libro, a Deputación da Coruña (a través da Biblioteca Provincial e a área de Turismo) vén de convocar a sétima edición do concurso fotográfico de verán #HoxeLeoEn.
O premio á mellor imaxe será unha viaxe cultural a unha capital europea. Con este concurso, a entidade provincial que promover a lectura ao tempo que mostra nas redes sociais os atractivos turísticos da provincia, que non son poucos.
Para participar no concurso só se require ser maior de idade. Os participantes poderán presentar un máximo de dúas fotografías nas que amosen o libro que están a ler e o seu lugar favorito da provincia da Coruña para gozar da lectura durante o verán. As fotos deben indicar o lugar onde se toma a imaxe e o libro e autor/a do mesmo e difundirse a través das redes sociais Twitter, Facebook ou Instagram, seguindo e mencionando a @bibliodacoruna e @DACTurismo e incorporando a etiqueta #HoxeLeoEn. Tamén poden enviarse directamente por correo electrónico a biblioteca.info@dacoruna.gal. O prazo de presentación das fotografías vai do 8 de xullo ao 31 de agosto, ambos os dous incluídos.
A data de entrega do premio, que terá lugar na Biblioteca da Deputación da Coruña, será anunciada xunto co nome da persoa gañadora o día 9 de setembro. Para máis información, cómpre visitar as bases do concurso online.

PUBLICIDADE