A Deputación da Coruña convoca a segunda edición dos seus premios ás mellores iniciativas empresariais

xoves, 14 de decembro do 2017 Redacción

A Deputación da Coruña quere alentar a innovación empresarial e o espírito creativo aplicado ao tecido produtivo: todas aquelas cousas (tecnoloxías, servizos, propostas, solucións, materiais) que teñen a capacidade de marcar un antes e un despois no mercado e na nosa contorna. Por este motivo, vén de convocar a segunda edición do seu Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial, que abrangue tres galardóns por un importe total de 75.000 euros. A convocatoria, cuxas bases pódense consultar na páxina web emprego.dacoruna.gal/premio, ten o prazo aberto até o 31 de xaneiro. Ao igual que o ano pasado, o premio contará coas categorías de Mellor Iniciativa Empresarial Nova (dirixida a proxectos emprendedores con menos de 12 meses de antigüidade), e Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada (para empresas con máis de cinco anos de actividade).
En ambas categorías os criterios a valorar serán a orixinalidade do negocio, a formación do seu promotor, o seu grao de innovación, a participación en redes de networking ou a implantación de medidas de Responsabilidade Social Corporativa, RSC, entre outros parámetros. Entre as grandes novidades desta edición inclúese unha terceira categoría que engadir ás devanditas, unha modalidade dirixida a recoñecer propostas socialmente responsábeis que “contribúan ao medre sustentábel da provincia nos ámbitos económico, medioambiental e social”. Valorase, ao abeiro desta categoría, a idea de negocio e as medidas implantadas en ámbitos coma o desenvolvemento sustentábel, a conciliación laboral, familiar e persoal ou a promoción da igualdade de xénero, entre outros. En cada unha destas categorías, o premio será de 25.000 euros.
A Deputación da Coruña, facendo reconto, lembrou que o ano pasado o galardón contou cunha elevada participación: máis de 70 candidaturas presentadas, unha cifra de achegas que converteron o certame “nun dos premios de referencia para as empresas coruñesas”. As empresa pontesa EVASA e a firma compostelá eMonte (que dá nome a unha plataforma dixital -emonte.es-que facilita a compravenda de madeira na nosa terra) foron as gañadoras da pasada edición, das que o xurado salientou a súa aposta pola innovación.

PUBLICIDADE