A Deputación da Coruña convoca axudas para dixitalizar o rural e o mar

luns, 23 de abril do 2018 Redacción

A Deputación da Coruña vai apoiar a dixitalización e modernización das entidades e comunidades económicas da provincia, poñendo o foco nas ligadas aos sectores que constitúen a base do tecido económico: os sectores do agro e o mar. En total, destinaranse 1,7 millóns a apoiar ás asociacións agrarias e labregas e ás entidades sen ánimo de lucro da provincia que desenvolvan accións de promoción económica. Ao abeiro desta liña de subvencións e investimentos inclúense actividades de asesoramento e formación innovadora ou de fomento do emprego de novas tecnoloxías da información (compra de material e programas, implantación de Internet e aplicacións, etc).
As axudas, cuxo prazo para solicitalas remata o 21 de maio ás 14.00 horas, pediranse de forma telémática a través da plataforma Subtel. As liñas abertas suman un orzamento de 1.250.000 euros, aos que cómpre engadir outros 482.000 que a Deputación destina en 2018 para apoiar ás confrarías de pescadores. O deputado responsábel da área de Promoción Económica José Luís García, puxo de relevo a relevancia destas axudas por ir destinadas a apoiar á xente do mar e do campo “nunha provincia como a da Coruña, na que o sector primario é fundamental para o desenvolvemento da nosa economía”. O obxectivo, engadiu, é que estes incentivos “contribuirán a manter a actividade das entidades e a modernizar as súas infraestruturas, facéndoas máis competitivas”.
400.000 euros para apoiar a entidades agrarias
A área de Promoción Económica da Deputación da Coruña destina en 2018 un orzamento de 403.000 euros para apoiar ás entidades agrarias, labregas e forestais da provincia nas súas actividades e investimentos con dúas liñas de subvencións que contan con orzamentos de 285.000 € e 118.000 €, respectivamente.
Entre as actividades e investimentos susceptíbeis de ser subvencionadas pola Deputación, as bases inclúen as accións tendentes á recuperación e posta en valor dos produtos agrogandeiros locais, o asesoramento e formación para a realización de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica ou mellora da calidade xenética, o fomento do uso das novas tecnoloxías e as enerxías renovábeis, ou os proxectos orientados ao aproveitamento forestal e á prevención de incendios.
Poderanse co-financiar actividades como construción de peches, acondicionamento de locais, adquisición de equipos e programas informáticos, accións de repoboación forestal, campañas de desbroce, implantación de novos cultivos ou proxectos de modernización de instalacións agropecuarias.
850.000 euros para a promoción económica da provincia
A segunda liña de axudas convocadas hoxe están destinadas ás entidades sen ánimo de lucro da provincia que desenvolvan accións de promoción económica e contan cun orzamento global de 850.000 euros, dos que 500.000 € destinaranse a investimentos e 350.000 € a actividades. O obxectivo é financiar accións tendentes ao desenvolvemento económico, o fomento do emprego, o apoio ao comercio e á hostalaría entre as que se contan a organización de eventos, actividades de dinamización e apoio do comercio local, etc.
No apartado de investimentos, as axudas estarán orientadas á reforma e mellora dos locais sociais da entidades, a implantación de Internet no rural, a adquisición de material informático e a outros equipamentos tecnolóxicos como os TPV para á adaptación ás obrigas de facturación, a mellora das instalacións eléctricas ou a creación e desenvolvemento de páxinas web e aplicacións para móbiles.
Preto de medio millón para as confrarías coruñesas
A Deputación destina tamén este ano 482.000 euros a apoiar ás confrarías de pescadores coruñesas mediante dúas liñas de subvencións que financian actividades e investimentos. As bases especifican que no apartado de actividades, os pósitos poden optar a axudas para a contratación de persoal, a adquisición de sementes de moluscos, o aluguer de maquinaria ou equipamentos precisos para o desenvolvemento das actividades de lonxas ou confrarías.
Na liña de investimentos, as confrarías e agrupacións de mariscadoras coruñesas poden optar a axudas provinciais para o equipamento e explotación do frío industrial en lonxas, a aplicación de novas técnicas que modernicen o proceso produtivo e a comercialización de produtos do mar, a modernización do equipamento das oficinas ou a adquisición de vehículos para mellorar a comercialización ou a vixilancia.

PUBLICIDADE