A Deputación da Coruña e AGALURE combaten a ludopatía online cun vídeo nas redes sociais

luns, 3 de maio do 2021 S. P.

A Deputación da Coruña e AGALURE lanzan a campaña Non xogues co xogo. Aposta pola vida para loitar contra a ludopatía na mocidade e, nun ámbito máis específico poñer o foco nun uso racional das novas tecnoloxías e dos servizos de xogos e apostas online. A campaña apóiase directamente nun vídeo que se está a difundir nas redes sociais dende este primeiro de maio. Está protagonizado por Xosé Antonio Touriñán, María Mera, David Perdomo, Eva Iglesias e o dúo Verto. A iniciativa fará fincapé nos centros educativos dos concellos.
No vídeo lánzanse dúas mensaxes ben claras: “As apostas deportivas non son un xogo” e “cada vez son máis os casos de ludopatía entre a mocidade”.
O vídeo desta campaña, coa que se pretende concienciar á mocidade dos problemas de adicción que carrean as apostas e os xogos de azar desde as idades máis temperás, difúndese nas redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter) da Deputación da Coruña e tamén nas de AGALURE para “chegar directamente ao público obxectivo desta acción a través das canles de comunicación que máis empregan”.
Segundo os informes de AGALAURE, mentres que a adición ás máquinas comecartos descendeu nos últimos anos, as apostas deportivas e o xogo en liña experimentaron “un notábel incremento, tamén durante a pandemia”. E engade a organización: “Este novo perfil de adicción ao xogo afecta a persoas con idade media cada vez menor e o tempo de latencia para adquirir a dependencia é moi inferior no xogo en liña que nas máquinas recreativas”.
O programa estase desenvolvendo en 18 centros educativos de ESO das distintas comarcas coruñesas e está centrado especialmente nas apostas deportivas e o xogo en liña, que segundo os datos da entidade, “é o que máis medra entre a mocidade e o principal motivo das consultas que lles chegan nos últimos anos”.

PUBLICIDADE