A Deputación da Coruña e Paideia impulsan o emprendemento ligado á mercadotecnia dixital

xoves, 5 de agosto do 2021 S. P.

A Deputación da Coruña, a Fundación Paideia e a EOI desenvolverán un proxecto para potenciar o emprego e o emprendemento no ámbito da mercadotecnia dixital. O presidente da entidade provincial, Valentín González, e a responsábel da fundación, Sanda Ortega, asinaron este 4 de agosto un acordo para o desenvolvemento das actividades formativas e das actividades de xeración de coñecemento da primeira fase do proxecto, Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo, abeirado ao Plan de Emprego Local. Achegarase formación práctica nos pasos a seguir para a creación dunha cooperativa e porase o foco na mocidade.
A Deputación fixo saber que o proxecto “conforma unha experiencia piloto na que se combina a formación para o emprego co apoio á posta en marcha real e efectiva de actividade emprendedora, dirixida a un sector vulnerábel da sociedade como é a mocidade desempregada”.
Tras a realización dunha primeira fase formativa en dous concellos da provincia, organizada pola Fundación Paideia en colaboración coa EOI, seleccionaranse á mellor proposta de cada un para continuar cunha segunda fase do programa, que é a que se corresponde co obxecto do convenio asinado este 4 de agosto. O resultado serán dúas cooperativas do sector da mercadotecnia en liña impulsadas por xente nova e que contarán co asesoramento para a constitución de cadansúas iniciativas de emprendemento, así como os gastos derivados do seu primeiro ano de funcionamento.
Mediante a sinatura do convenio de colaboración a Deputación comprométese a cofinanciar con 145.275,00 euros este proxecto, o que supón o 75% do seu custo.

PUBLICIDADE