A Deputación da Coruña e Paideia premian as novas cooperativas da mercadotecnia dixital

xoves, 13 de xaneiro do 2022 S. P.

A Deputación da Coruña, Fundación Paideia Galiza e a EOI premiarán as iniciativas cooperativas no sector da mercadotecnia dixital que fagan gala de meirande potencial para xerar innovación, riqueza, emprego, talento e coñecemento avanzado. Repartiranse 60.000 euros entre as máis destacadas iniciativas de emprendemento coworker. As destinatarias dos galardóns daranse a coñecer este venres 14 de xaneiro, na sede da Fundación Paideia Galiza no número 17 da praza de María Pita.
O Concurso de Proxectos Cooperativistas no sector do Márketing Dixital vén da man da Deputación da Coruña e a Fundación Paideia Galiza. Os equipos tralos proxectos presentados a concurso están formados por alumnado do curso Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo que a Fundación EOI e Paideia levaron a cabo nos últimos meses nas localidades de Boiro e As Pontes de García Rodríguez, co financiamento do Fondo Social Europeo. Agora, gracias ao apoio da Deputación da Coruña, estas iniciativas cooperativistas optan a un premio de até 60.000€ para financiar a súa posta en marcha e o seu primeiro ano de actividade.
O acto contará coa participación de José Ramón Rioboo, deputado de Transición Ecolóxica e Emprego; Nieves Olivera, directora xeral da EOI, Goyo Panadero, director de Comunicación, Marca e Reputación de Ernst&Young; Antón Ínsua, secretario técnico de Coop57 Galiza; e Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia Galiza.
O acto contará ademais coa actuación en directo do músico galego Marcelo Dobode, participante no Coworking en Emprendemento Musical que o pasado ano organizaron Fundación Paideia Galiza e a Fundación EOI.
Esta é unha iniciativa conxunta da Fundación Paideia Galiza, a Deputación da Coruña e a Fundación EOI – Escuela de Organización Industrial, pola que se procura mellorar a empregabilidade da mocidade galega creando oportunidades a través de modelos de traballo cooperativo nun sector en continuo medre como o da mercadotecnia dixital. As iniciativas cooperativistas gañadoras contarán ademais co apoio, acompañamento e formación da Fundación Paideia Galiza, Fundación EOI e especialistas da firma internacional de consultoría Ernst&Young.

PUBLICIDADE