A Deputación da Coruña e enerTIC impulsarán a eficiencia enerxética polo vieiro das TIC

mércores, 22 de febreiro do 2017 Redacción

Aforrar enerxía mediante o uso das Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC) é a meta do acordo que veñen de asinar a Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), organismo dependente da Deputación da Coruña e a Plataforma enerTIC. Así, con este convenio de colaboración, establecerase unha ponte de comunicación de cara a promover unha economía máis competitiva e sostíbel co uso e aplicación das chamadas TIC no eido da eficiencia enerxética.
As dúas entidades traballarán a prol da diversificación, información e uso das Enerxías Renovábeis para acadar un maior aforro enerxético. A FAEPAC encargarase de realizar estudos para levar a cabo un itinerario de actuación enerxética, accións para a difusión do uso racional da enerxía e unha mellora da seguridade enerxética.
En canto ao papel da Plataforma enerTIC, esta terá o papel da difusión dos resultados da aplicación das medidas acadadas en materia de eficiencia enerxética entre os seus socios e os medios de comunicación. Arestora traballa arredor de iniciativas de concienciación, promoción e difusión, así como a cooperación multiorganizacional que favoreza a aplicación TIC para a mellora da competitividade enerxética das persoas, infraestruturas e sectores estratéxicos.
En canto á Deputación da Coruña, mantén o seu compromiso co aproveitamento enerxético, apoiando as distintas iniciativas que a través dos organismos provinciais se poñen en marcha para favorecer a eficiencia enerxética.

PUBLICIDADE